Con respecto ao transporte, para a Marea de Vigo é preciso estudar xa con urxencia a viabilidade política dunha Área Metropolitana que conteña o transporte, ou ben a posibilidade só dun transporte metropolitano (non é precisa a Lei de Área Metropolitana para elo) ou mesmo o acordo definitivo sobre infraestruturas e dotacións pendentes.
Do mesmo xeito, cuestións coma o prezo do billete, o deseño de novas rutas, ou, no caso da auga, o cambio a unha tarificación por consumo real son elementos fundamentais que deben ser abordados.
O seu voceiro, Rubén Pérez, presentou un decálogo de prioridades políticas que este grupo municipal considera necesario abordar nesta lexislatura. “Nalgúns casos, foron temas que se abordaron durante a campaña pero noutros casos estes foron completamente ausentes coma é o caso do debate metropolitano, ou o que facer cos contedores culturais e museos actualmente baleiros, ambos temas abordados pola Marea de Vigo máis non por parte do Partido Socialista”.
“Estas cuestións, entre outras, son as mínimas que deberán ser abordadas pola nova Corporación con altura política, sen demagoxias e lecturas electoralistas curtopracistas, ou volveremos a perder oportunidades históricas na cidade”, matiza Rubén Pérez.
O decálogo elaborado pola Marea de Vigo é o seguinte:
- AREA METROPOLITANA OU TRANSPORTE METROPOLITANO?:
O propio alcalde de Vigo anunciara no último pleno da Mancomunidade de Municipios de Vigo que o “debate da Área Metropolitana abriríase despois das eleccións municipais”. O certo é que este tema estivo absolutamente fóra do debate durante o proceso electoral pero nesta lexislatura terase que abordar se finalmente só se consensúa o transporte metropolitano, polo que non fai falla unha lei, ou se avanza na configuración da Área con todas as potencialidades e servizos da mesma.
- NOVA CONCESIÓN DO SUBMINISTRO DE AUGA E SANEAMENTO EN VIGO
Para Marea de Vigo previo á redacción do novo prego concesional deberá abordarse con rigorosidade un estudo de remunicipalización do servizo como xa abordaron cidades como Valladolid ou Tarrasa e especialmente un compromiso de abandono da fórmula de tarificación por bloques de consumo elevados (30m3 bimensuais actualmente) para tarificar por consumo real. Xa neste ano 2019 deberían realizarse avances para chegar con tempo ao fin da ampliación da concesión.
- NOVA CONCESIÓN DO TRANSPORTE PÚBLICO
A comisión para a redacción do novo prego foi constituída no último tramo de lexislatura pero para Marea de Vigo falta na mesma a participación dos grupos municipais e especialmente do tecido asociativo e veciñal mediante mecanismos participativos.
- AUDITORIO MAR DE VIGO
Toda vez que xa é un contedor con xestión directa e propiedade do Concello de Vigo, hai que definir que facer coa infraestrutura, darlle contido aos espazos e establecer un criterio de permanencia e calidade das programacións culturais. Marea de Vigo seguirá a defender a reorientación ao réxime de concorrencia pública do medio millón de euros que se destina en forma de convenio a unha empresa programadora herdada da antiga UTE liquidada.
- REDE DE MUSEOS
Esta lexislatura non pode ser a lexislatura morta en materia de dotar de contido e mesmo debe levarse a cabo a apertura e programación de varios contedores culturais da nosa cidade. Ademais da paralización do Verbum, da falla de solucións ao fallido Museo da Fotografía ou ao de artesanía tradicional, Marea de Vigo considera necesario abrir a redacción do plan director da rede museística de Vigo ao sector cultural da cidade e evitar que sexa simplemente unha proposta saída do Concello sen consenso social. Do mesmo xeito hai que dotar de máis horarios aos existentes: Castrelos, Pinacoteca… e programación permanente todo o ano.
- TEITO DE GASTO
Para Marea de Vigo, o Concello deberá liderar ante o futuro Goberno do estado a eliminación do teito de gasto para os concellos sen débeda, que pagan en tempo a provedores e que queren empregar os seus recursos e mesmo os superávits noutros empeños fóra da obra pública. A promesa de empregar os máis de 90 millóns de euros en tesourería das arcas públicas de Vigo en dotacións culturais, educativas, sociocomunitarias ou mesmo en emprego público están sen cumprir polo de agora.
- EMPREGO PÚBLICO
Nesta lexislatura é urxente resolver as promesas incumpridas cos corpos de bombeiros e Policía Local en canto a melloras salariais acordadas en Pleno e prometidas en xuntanzas bilaterais entre comité de empresa e Goberno local, así como completar as OPEs pendentes e establecer un criterio rigoroso de control dos procesos selectivos que están a poñerse en solfa nos tribunais por falla de transparencia e vixilancia de igualdade no proceso.
- SERVIZOS SOCIAIS E VIVENDA
O aumento considerable da pobreza e exclusión social na cidade nesta lexislatura non foi acompañado dunha dotación de recursos materiais e humanos nos servizos sociais municipais. Cómpre nesta lexislatura achegar o número de traballadoras e traballadores sociais á ratio de 1 por 8.000 habitantes para evitar que sexamos a cidade que máis tempo tarda en tramitar a RISGA. Do mesmo xeito nesta lexislatura debería reforzarse, ante a inoperancia da Xunta en resolver un parque de vivendas de emerxencia, a posibilidade de artellar un parque municipal de vivenda de emerxencia que poida incorporar parte das máis de 200 vivendas que vai incorporar a SAREB ao seu patrimonio na cidade (como as localizadas na rúa Aragón).
- DOTACIÓNS PENDENTES
Os compromisos electorais teñen que cumprirse, completar a rede de escolas infantís de 0-3 anos nos barrios e parroquias, os centros cívicos e culturais nos distritos carentes de eles, a prometida cubrición de patios de colexios públicos, etc… Para iso desbloquear definitivamente os usos do superávit e dos remanentes no ámbito do Congreso dos Deputados será determinante. Do mesmo xeito Marea de Vigo seguirá a demandar unha localización realista e definitiva para unha biblioteca pública do estado que xa chega tarde á cidade.
- INFRAESTRUTURAS
Debemos afrontar un debate serio e menos demagóxico sobre como acadar un sistema de alta velocidade que conecte Vigo e Madrid en menos de 3:45 horas e que non pase por esperar anos e anos a licitar baixo os criterios restritivos da UE os máis de 1900 millóns de euros da ‘cacarexada’ variante de Cerdedo (na que levamos unha década enfrascados sen resultados tanxibles). Marea de Vigo será especialmente belixerante en acadar a gratuidade de toda a AP-9, que esta pague IBI polos tramos que transcorran polo termo municipal e que exista unha saída sur ferroviaria que conecte coa rede europea atlántica de mercadorías de xeito inmediato para evitar a perda continua de competitividade do Porto de Vigo e do tecido industrial e empresarial dependente.