Aí atrás falaba cun xornalista que me chamaba desde A Coruña. “Oes, impórtache que che faga unha pregunta? Pode saberse que raio vos deu a todos de repente coa historia esta da novela negra?”. Pero, moi ao contrario do que igual parece, curiosamente o que facía a pregunta non era o xornalista, senón eu. Ao fin e ao cabo, a súa era a cuarta solicitude de entrevista en dez días, e todas para falar do mesmo: a novela negra. Un tema sobre o que, xa o vou adiantando, non creo que eu teña nada interesante que dicir.
Porque neste país, ao que tanto lle gustan as polémicas, e que nunca lle di que non a unha boa escusa para meterte nunha lea, vese que agora se puxo de moda falar de novela negra e, en concreto, centrándose en autores que ambientan as súas tramas en Vigo e a súa contorna, o que, xa postos, dá un pé magnífico, claro, para falar do chamado “bum da novela negra viguesa”. E, por suposto, aí que imos todos…
Pois ben, co permiso deses todos, e sen ánimo de ofender a ninguén, agradecería a oportunidade para sinalar que eu nunca estiven de acordo con tal cousa. E, como eu tamén crecín coa EXB, “respondo e xustifico a miña resposta”.
Por unha banda, e sempre co maior dos respectos, eu non creo que se poida falar realmente de ningún bum de nada. Deixando de momento o máis notorio dos casos de lado, é certo que agora coinciden unha presa de autores que veñen de publicar novelas ambientadas en Vigo e nas que, forzando moito a máquina, poderíamos identificar certas marcas do xénero negro. Así, e por exemplo, aí está Ledicia Costas e a súa Infamia; ou Manuel Esteban e as cuitas do inspector Manso; Francisco Castro coas carreiras de Antonio en Tes ata as dez; ou Beto Luaces e mais a súa orixinal proposta de Senén Barreiro, ese arquitecto que tan ben lle vén para, ao tempo que debulla o misterio, poñer en valor a arquitectura viguesa (mira ti…). E si, ata onde os coñezo, a min todos estes traballos me parecen estupendos. Como se ten contado hai pouco, é público e notorioque a maioría deles son bos amigos meus aos que sempre lles aplaudín o traballo, tanto desde a tribuna como desde a barra do bar. Agora ben, o que xa non teño tan claro é que sexan nomes abondo para facer palleiro. Acaso bastan catro referentes para falar de bum? Cando os xornalistas viñeron preguntarmo, eu dixen que pensaba que non. Daquela, que é o que está a suceder?
A min dáme no nariz–que para iso o teño tan grande–que a explicación é moito máis sinxela: en realidade, diría que o que pasa é que, logo de case dez longos anos de espera, Domingo Villar (agora si, o máis notorio dos casos) sacou por fin a nova entrega das aventuras do inspector Leo Caldas. E iso, para ben ou para mellor, supón unha atención por parte dos medios que aquí, neste país tan pequeno, non sabemos xestionar demasiado ben. É absolutamente indiscutible que, no seu caso, a carreira de Mincho é a dun autor de novela negra, e que as súas vendas son cuantiosas abondo como para chamar a atención de propios e estraños. Logo, á luz tanto da traxectoria como dos números, dá para xustificar por aí o asunto do bum? Home, pois eu diría que tampouco…
Para empezar, e malia que a súa traxectoria non deixa lugar a dúbidas á hora de catalogalo como un dos autores de novela negra máis brillantes dos últimos anos, en realidade el nada máis é un. E se con catro nomes non facíamos palleiro, só con un… E aí vén o problema, porque, mediáticamente falando, unha vez papado ese prato principal, necesitabamos seguir poñendo comida enriba da mesa, fose como fose. De xeito que, “A ver, rapaces, que máis autores temos por aí que sexan de novela negra e paren preto do Eligio?” Pois, ata onde eu sei, máis ben poucos…
De feito, e botando man dos que antes mencionaba, eu nada máis sinalaría como tal a Lolo Esteban, aínda nada máis fose porque, aínda que polo de agora nada máis sexan dúas as súas novelas, todas son explicables desde as convencións do xénero: ao igual que sucede con Domingo Villar, cuxas tres propostas teñen como eixo as investigacións policiais dirixidas polo inspector Leo Caldas, as dúas de Esteban, A ira dos mansos eO meu nome é ninguén, xiran arredor das pescudas do investigador Carlos Manso. No caso de Fran Castro, é verdade que ten títulos relacionados co xénero, como In vino veritas, ou o antes citado Tes ata as dez. Pero, ademais de que estas obras apenas son unha pequena mostra nunha amplísima produción que abrangue moitos máis xéneros por parte do seu autor, eu non me atrevería a dicir que ningunha das dúas sexan de marcado carácter “negro” (de feito, e ata onde eu sei, el mesmo definía a primeira como unha especie de parodia –no bo sentido, por suposto–do xénero). E no caso de Ledicia, non hai dúbida de que estamos falando da nosa mellor e máis brillante autora de literatura infantil e xuvenil, pero eu non creo que sexa nin acertado nin moito menos xusto definila agora como unha autora de xénero negro en base a unha única referencia, como é Infamia (que, para máis datos, e como ela mesmo ten explicado ata o aburrimento, non se define como unha novela negra senón, nas súas propias palabras, como un libro de intriga psicolóxica). E non, non me parecería xusto facelo, nin por ela nin, sobre todo, polos demais. Porque, de ser así, entendería perfectamente a subida polas paredes doutros autores que si levan consagrando toda a súa vida literaria ao cultivo do xénero, como, por exemplo, Miguel Anxo Fernández, Antonio Tizón ou, sobre todo(s), Diego Ameixeiras. Tanto tempo traballando esa leira, como para que agora veñan outros a levarlle a colleita? Home, estaría feo…
De maneira que non, por ese lado eu non creo que haxa tanto movemento como para falar de ningún bum, nin da novela negra galega, nin menos aínda viguesa. Agora, e retomando aqueloutra banda da que falaba ao comezo, no caso de que eu estea equivocado (cousa que tampouco sería nada estraña…) e si haxa algo dese tipo, o que si teño máis que claro é que, sexa o que sexa iso, eu non teño nada que ver con tal movemento.
Eu entendo que aquí hai que clasificalo todo, e moito máis se aparece un becho raro coma min, deses que non sabes moi ben onde hostias metelo, pero que chama a atención e vende demasiado como para pasar inadvertido. Pero, ante semellante etiquetaxe, insisto no que levo dicindo todos estes anos, e no mesmo que volvín repetir en todas as entrevistas, reportaxes e artigos que foron saíndo nos últimos días: eu nunca tiven a intención, pretensión, e nin sequera sensación, de estar a escribir unha soa páxina de novela negra. Nunca. Xamais. Para empezar, aínda que quixese non podería facelo, porque non teño nin puñetera idea nin do qué é realmente o xénero (para deixar iso claro, doutores ten a igrexa galega), nin de como se fai, nin de nada. Pero é que ademais, e para rematar, resulta que sobre todo non teño a máis pequena intención de facelo! En todo caso, e para deixalo claro, o que a min me interesa realmente é o suspense (un xénero no que, por se a alguén sentise algunha curiosidade ao respecto, diría que si podo aportar algo, por pouquísimo que sexa), gústame o thriller como formato, e, en canto ao tratamento do traballo, obsesiónome ata a desesperación co proceso de dosificación da información, tarefa que, cando está ben feita, recoñezo como unha arte. Pero nada máis. Os fillos do maré unha novela de aventuras que xoga a ser un best-seller; na mesma liña, A memoria da choivaé un thriller; Morena, perigosa e románica(non románTica!) é unha comedia; coa mesma vocación que a súa irmá máis vella, Os fillos do lumeé unha novela histórica; e Sen piedadeé directamente unha traxedia. E si, confeso que agora mesmo estou hermeticamente pechado na elaboración dun texto novo no que, entre outros, un dos seus protagonistas é un policía. Pero só porque tanto o seu oficio como o seu espazo resultaban absolutamente imprescindibles para a construción e avance da trama, polo que non creo que semellante filiación na seguridade social sexa suficiente para encaixar o meu traballo na gabeta dese xénero. (De feito, e se por min fose, xuro que antes que policía sería un quiropráctico, un príncipe ou un dentista). Como dirían os Supertramp, “Novela negra? Que carallo de novela negra?”
De maneira que non. Agradezo o interese e a promoción, de verdade, de todo corazón. Pero, se a alguén lle interesase o meu punto de vista, resumiríao dicindo que non teño nada claro que exista tal bum, pero que, en todo caso, e citando á gran Mari Trini, Esa no soy yo…