No que se refire ao curso de 5G, explica Cuiñas que “as empresas operadoras e instaladoras de telefonía móbil demandan formación actualizada para os seus profesionais”, polo que, para a posta en marcha deste curso, a EET colabora con especialistas das operadoras, a través de Amtega e Retegal.
Sobre o curso de delegado de Protección de Datos, remarca o director da EET, que “é unha necesidade de todas as empresas, sexan ou non do ámbito TIC, e ademais ten vertentes tanto na tecnoloxía de redes e servizos como no eido legal”. Por este motivo, apostouse por coordinar os coñecementos de docentes do ámbito TIC e do xurídico, tanto da Universidade como externos, coa colaboración de Pintos&Salgado Abogados, “que pode complementar os coñecementos dos nosos especialistas”.
En resumo, o inicio destas dúas novas formacións supón para a EE de Telecomunicación “poder proporcionar á sociedade persoas formadas en dous eidos moi específicos, innovadores e necesarios, dende unha Universidade pública e con prezos competitivos”, recoñece Cuiñas. A isto engade que tamén lle permite á escola “manter unha posición punteira na formación de profesionais, tanto os nosos alumnos ou titulados como profesionais de outros ámbitos en temas relacionados coas TIC”.
Curso de especialista en Delegado de Protección de Datos
A posta en marcha deste curso de especialista en Delegado de Protección de Datos responde á entrada en vigor do novo Reglamento General de Protección de Datos (RGPD), que supón un incremento na demanda de profesionais deste sector, en especial da nova figura do delegado de protección de datos (DPO) que será de obrigada designación en numerosos supostos. O curso está dirixido a profesionais das áreas do dereito, a seguridade da información, a tecnoloxía ou, en xeral, de calquera sector relacionado coa protección de datos, que queiran obter a Certificación de Delegado de Protección de Datos ou traballar como DPD-DPO.
Na formación están involucrados o propio Íñigo Cuiñas, a profesora de Ciencias Xurídicas e do Traballo Esther Pillado, o profesor da EE Industrial Ignacio Armesto e a delegada de Protección de Datos da Universidade, Ana Garriga. Os obxectivos pasan por coñecer as diferentes normativas referidas á protección de datos, tanto nacionais como europeas e as distintas directrices de interpretación. As persoas asistentes tamén se capacitarán para cumprir coas esixencias do principio de responsabilidade activa, a avaliación e xestión de riscos e a avaliación do impacto no tratamento dos datos persoais.
Entre os contidos do curso está tamén a aplicación de técnicas que permitan garantir o cumprimento da normativa de protección de datos, como son as auditorías de seguridade e auditorías de protección de datos. A finalidade é dotar ao alumnado de todos os coñecementos sobre normativas que lle permitirán realizar con solvencia las funcións propias do delegado de protección de datos. Con todo iso, as e os inscritos poderán enfrontarse ao exame de DPO segundo os requisitos do esquema ENAC–AEPD.
A matrícula estará aberta ata o 12 de setembro, data de inicio do curso, que se estenderá ata o mes de febreiro.
Curso de especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración
O segundo dos cursos de especialista aprobado para o próximo curso vai xirar arredor do que se presenta como unha das revolucións tecnolóxicas a curto prazo, as tecnoloxías 5G. E é que a quinta xeración de comunicacións móbiles representa o futuro inmediato da telefonía, que se plasma no Plan Galicia 5G, aprobado pola Xunta de Galicia hai un ano.
Neste marco, os operadores móbiles están promovendo probas de concepto en diferentes ámbitos, entre eles na propia Universidade, onde Orange e Nokia teñen un proxecto demostrador 5G no ámbito educativo, coa instalación na EET dunha estación base 5G experimental e a dotación dunha aula para experiencias de clases remotas coa realidade aumentada a través de conexións 5G. Por todas estas experiencias previas, Amtega e Retegal decidiron impulsar este curso de especialistas “como motor da implantación en Galicia desta nova tecnoloxía”, remarca Cuiñas.
A decisión de optar polo formato de curso de especialista responde á evolución das tecnoloxías, que fai “moi difícil a implantación de coñecementos deste tipo nun programa formativo regulado, xa que os tempos de verificación dun plan de estudos levarían á obsolescencia do mesmo case ao momento da súa implantación”. Ademais, responde a unha demanda deste tipo de cursos, sobre todo por parte dos profesionais “que ven como a evolución tecnolóxica os podería deixar fóra do mercado”. Así, os obxectivo do curso pasan por reciclar profesionais do sector da tecnoloxía móbil e completar a formación dos titulados da EE de Telecomunicación e das TIC en xeral, especializándoos en 5G.
A matrícula poderase realizar entre os días 18 de xullo e o 30 de agosto. A docencia arrancará o 13 de setembro e estenderase ata finais de xuño do próximo no 2020.