Logo de aprobar o proxecto en Xunta de Goberno o pasado 3 de maio e a apertura do proceso de licitación o 24 do pasado mes, o Concello ten aberto o prazo de recepción de ofertas ata o próximo 28 de xuño, segundo trasladou este martes o alcalde en funcións. O prazo estimado de execución das obras é de dous anos e o orzamento municipal ascende a 17 millóns de euros -parte do proxecto EDUSI Vigo Vertical cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europa-.
O proxecto contempla a construción dun túnel e incorpora unha rampla mecánica desde Carral ata a Porta do Sol, que dará continuidade á xa existente na rúa II República. En superficie, o Concello creará un espazo público peonil de 8.000 metros cadrados, con zonas verdes, mobiliario urbano e elementos singulares como un escenario, unha réplica das illas Cíes ou unha maqueta tiflolóxica para persoas con visibilidade reducida na que amosa a configuración do espazo público.
O goberno vigués reporá ademais as redes de iluminación pública, gas, electricidade, telecomunicacións, saneamento e abastecemento. Abel Caballero explicou sobre a Porta do Sol que «queremos gozala como unha praza peonil», indicou que «Vigo non ten unha gran praza» e este proxecto «é unha gran obra para compactar a cidade, o casco vello alto e baixo e a Porta do Sol».