As ‘Viquingas de Barrantes’ plántanse no partido decisivo no campo do Carrasco (Marcón, Pontevedra) como subcampioas da pasada edición do torneo provincial e, por segundo ano consecutivo, como o cualificado representante da delegación pontevedresa. En Barrantes mostráronse intratables nos partidos decisivos contra Arousá (4-0) e Viaxes Interrías (4-1).
O Valladares meteu a cabeza como o elixido da delegación de Vigo tras caer o campión Matamá ante o Sárdoma en cuartos e derrotar as de Gabi Couñago ás de As Relfas no Federativo de Coia (1-2). Aínda que as viguesas xogan na categoría de prata e o Umia en 1ª Autonómica, un banzo máis abaixo, a diferenza non é tal: as de Moisés Campos acaban de lograr o ascenso “e teñen potencial e xogadoras para competir en Segunda”, advirte Couñago, preparador das branquiazuis.
O partido, que contará coa arbitraxe da vilaboesa Iria Rosendo e que se xogará ás 21.00 horas con entrada gratuíta, estará presidido por Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra.
O choque presenta varias incógnitas por despexar. Aínda que na primeira edición do torneo (2015) o Atlético Arousá levou o título, nos anos seguintes foi o representante da delegación viguesa o que se levou o gato á auga (A Oliveira en 2016, o Sárdoma en 2017 e o Matamá en 2018). Agora, o Umia, nun momento de plenitude deportiva (impúxose ao Mos 1-2 e 2-0 nun cruzamento de ascenso espectacular), busca a guinda ao pastel e recuperar o título para a delegación pontevedresa.
A outra incerteza, se o nivel mental poderá co físico. Ambos os dous equipos recoñecen chegar con certo cansazo a este partido aínda que “unha final sempre se colle con ilusión”, apúntase desde o Umia. O Valladares conta con varias xogadoras do equipo B que pelexan polo ascenso á categoría que abandona o Umia e este chega tras un duro cruzamento co Mos.