Este programa vén de ser presentado a profesionais e asociacións de pacientes nun acto presidido polo xerente da EOXI de Vigo, Felix Rubial, e a directora da Axencia de Coñecemento en Saúde, Beatriz Allegue. Tamén se contou coa participación da escritora e psicóloga clínica María Jesús Álava, que foi introducida polo xefe do servizo de Psiquiatra da EOXI de Vigo, José M. Olivares, e que ofreceu unha conferencia titulada ‘¿Como usar los libros de autoayuda?’.
A iniciativa parte dunha premisa que considera o uso do libro e a lectura en si mesma como método terapéutico na abordaxe dos diferentes trastornos mentais e as causas que os producen. De feito, no Plan Estratéxico da área sanitaria de Vigo inclúese a saúde mental como un dos principais obxectivos asistenciais.
O programa consta de 142 títulos de distintos contidos, agrupados en dous grandes bloques: autoaxuda e desenvolvemento persoal, este último a través de novelas ou escritos de non ficción. Unha serie de libros están especialmente dirixidos aos adultos e outra a menores e adolescentes.
Os temas das obras seleccionadas son moi variados e reflicten situacións concretas. Desde os problemas de ansiedade ata a relacións tóxicas de parella, pasando polos trastornos do sono a como afrontar a dor ou as emocións negativas. Ou novelas nas que se afrontan cuestións cotiás como as tomas de decisións, as emocións ou como relativizar os problemas.
O grupo de expertos que elaborou a lista de libros centrou o seu esforzo na análise dunha serie de títulos, facendo unha revisión paralela e analizando os textos que finalmente conformaron o listado definitivo, vendo a súa idoneidade e que efectos poden ter sobre o paciente.
Os volumes atópanse xa a disposición dos interesados, tanto pacientes como familiares ou persoal, na biblioteca do hospital.
Unha guía
Para a selección dos títulos, a Consellería de Sanidade editou unha pequena guía na que se diferencian por grupos de idade e por temática concreta todos os volumes dispoñibles, así como un pequeno resumo do seu contido.
A guía engloba unha serie de propostas e recomendacións que serán de utilidade ao profesional sanitario para que, no contexto da súa consulta, poida “prescribir” un determinado libro a un paciente con trastorno mental. A través destas lecturas guiadas, a persoa non só poderá obter un coñecemento máis profundo do seu problema, senón tamén unha maior confianza no manexo e na abordaxe dos seus síntomas.
Aínda que o programa xurdiu como apoio a persoas con trastornos da Unidade de Saúde Mental, a biblioteca do Álvaro Cunqueiro xa iniciou a súa difusión polo resto das unidades de hospitalización, así como no Hospital de Día.
Sistema de préstamos
O sistema de préstamos é moi sinxelo e consiste en que os pacientes ou familiares que desexen ler un determinado libro, dos que aparecen na guía, acudan á biblioteca do hospital para solicitalo. Con todo, se o paciente non pode facelo por si só, será acompañado por persoal da unidade ou ben o propio persoal encargarase de recollelo sempre que non poida saír da súa zona de hospitalización.
Este proxecto de biblioterapia foi impulsado pola Unidade de Asesoramento Científico-Técnico (Avalia-t), da Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS), e coordinado en colaboración co Servizo de Saúde Mental e Atención ás Drogodependencias do Sergas e Bibliosaúde (Biblioteca Virtual do Sistema público de saúde de Galicia).