O seu autor, o doutor Emilio Couceiro Naveira, baixo a dirección do doutor Carlos López Ramón y Cajal, analiza no seu traballo os resultados do procedemento para converter a posición podálica do feto (de nalgas) nunha presentación cefálica (de cabeza), máis favorable para o parto.
Así, durante os cinco anos de estudo, os investigadores observaron que a porcentaxe de éxito desta técnica no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo foi dun 50,3%, “similar ás taxas observadas nos principais hospitais onde se practica esta técnica, pero co valor engadido de que dicha taxa acadouse nunha poboación cun elevado porcentaxe de primíparas (un 70% das nais incluídas no estudo), circunstancia que adoita asociarse a taxas de éxito moito máis baixas na meirande parte dos traballos publicados”-afirma o Dr. Couceiro.
Nesta tese se identificaron ata 6 factores pronósticos asociados a unha maior probabilidade de éxito no emprego da técnica VCE. “A combinación destes factores permitiunos deseñar un sistema de puntuación pronóstico cun valor predictivo cercano ao 80%. Sen embargo, isto non significa que aínda que se incumpra algún deses factores non se intente realizar a Versión, xa que é unha técnica que presenta unha taxa moi baixa de complicacións, tanto para a nai coma para o bebé. Ademais, os resultados do noso traballo mostran que a realización da versión non afecta ós resultados perinatais”-.
950 versións no Chuvi
O Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo leva realizadas, desde que comezou a aplicar a técnica hai 10 anos, un total de 950 versións –unhas 90 ou 100 anuais- sendo o primeiro hospital galego en incorporar este procedemento á carteira de servizos hospitalaria. Con este ritmo, probablemente se acadarán as 1000 versións a principios do próximo ano. Nestes momentos, a porcentaxe actual de éxito da técnica está xa no 53,2%.
Trátase dun procedemento utilizado para voltear ao feto que está de nalgas ou en transversa para colocalo de cabeza mediante manipulación externa sobre a parede abdominal da nai; isto é, mediante unhas manobras realizadas polos médicos sobre o abdome da xestante, para favorecer que o feto xire e cambie a súa posición no útero materno.
“Polo xeral -explica o investigador- os partos con fetos en podálica son máis dificultosos. Isto determina a realización dunha cesárea na práctica totalidade destes casos. Asimesmo, a cesárea é a única alternativa nos fetos en situación transversa. O obxectivo desta técnica é reducir o número de partos de nalgas para diminuír as complicacións asociadas ao mesmo, así como as indicacións de cesáreas”.
4% por cento dos fetos de nalgas
Este estudo reflicte que na área de Vigo, nos embarazos a término (a partir da semana 37 de xestación), un 4,1% dos fetos están en presentación podálica, e máis raramente (menos do 0,5%) atravesados -situación transversa-. Gracias ao emprego desta técnica conseguiuse reducir nun 30% os podálicos a término.
Cando se detecta na ecografía do terceiro trimestre que o feto ven de nalgas, informáselle a nai da posibilidade desta técnica e invítaselle a unha sesión informativa, na que a través dun vídeo, un membro do equipo explica este procedemento e resolve as súas dúbidas. Das xestantes que acoden a estas sesións, o 78% acepta a realización da Versión Cefálica Externa. “Acadamos una alta taxa de aceptacións por parte das nais, superior á que reflicten a maior parte das publicacións. Este feito atribuímolo a que ofertamos unha información clara, organizada, sistematizada e baseada nos propios resultados, realizando estas sesións informativas unha vez á semana de forma regular”-.
Procedemento seguro e controlado
A VCE non require do ingreso hospitalario da nai. Antes do procedemento, se lle realiza varios tipos de probas -analítica, test basal e ecografía- ademais de comprobar que non existen contraindicacións.
Á paciente adminístraselle unha medicación para relaxar o útero e favorecer a manobra. Non require anestesia, un tranquilizante é suficiente para que a nai se encontre máis relaxada durante a mesma. Todo o procedemento está monitorizado ecográficamente, para controlar a posición do feto e o seu latido cardíaco. Si xurdira algún problema, se interrompe a proba. Unha vez finalizada, realizase un novo test basal para comprobar o benestar fetal.
No caso de que a técnica teña éxito, o embarazo continuará cos controis habituais, esperando o desencadeamento do parto de xeito espontáneo; mentres que, se non resulta eficaz, pódese volver a intentar unha nova versión se a nai o desexa, ou ben se programa unha cesárea a partir da semana 39 de xestación.
Segundo explica o Dr. Couceiro “trátase dun procedemento moi seguro para a nai e o feto, no que ambos están controlados en todo momento, cunha taxa moi baixa de complicacións (3,5% na nosa poboación). Ademais, a taxa de volteo espontáneo do feto de novo á posición de nalgas non supera o 3%.”
En resumen, a versión cefálica externa é un procedemento seguro, eficaz e plenamente consolidado na área sanitaria de Vigo.