A presentación dos resultados produciuse no transcurso dunha sesión á que asistiron profesionais que, dunha ou outra forma, participan na aplicación desta técnica: radiólogos, neurólogos, anestesistas, urxenciólogos, persoal de enfermaría, e residentes. É a primeira vez que se fai este balance, de aí a importancia dos datos achegados na presentación.
A trombectomía é unha técnica de rescate que consiste nun tratamento endovascular para extraer o trombo do cerebro do paciente que sofre un ictus. Cando o enfermo é diagnosticado dun accidente cerebrovascular polo neurólogo o tratamento adoita ser a administración de fármacos trombolíticos que tratan de disolver o coágulo, o que se coñece como fibrinolise.
Se o paciente non pode someterse a ese tratamento ou se este non dá resultado, recórrese á trombectomía. O proceso consiste en chegar, mediante un cateterismo, ata o coágulo e extraelo cunha especie de rede o cápsula que succiona o trombo. E sempre no menor período de tempo posible.
Técnica segura e eficaz
A trombectomía mecánica implantouse no hospital vigués no mes de xullo de 2016. Conta con dúas salas de radioloxía intervencionista dependente do Servizo de Radioloxía que dirixe o doutor Xoán Vieito. Ata finais de 2018 realizáronse 209 tratamentos endovasculares deste tipo no Álvaro Cunqueiro. Deles, 21 corresponderon ao primeiro ano, fixéronse 68 en 2017 e 128 ao longo de 2018.
Nos cinco primeiros meses de 2019 xa houbo 65 intervencións, o que representa o dobre que no mesmo período do ano pasado. “É un número respectable de pacientes, que está en consonancia cos casos que se ven nos estudos clínicos internacionais e os que publican outras unidades similares. Estamos nos mesmos estándares, nalgúns casos por encima, de eficacia e seguridade neste tipo de tratamentos endovasculares”, explica o responsable da Sección de Neurorradioloxía do CHUVI, o doutor Óscar Vila.
O número de pacientes con tratamento de trombectomía crecerá considerablemente nos próximos meses e anos. A explicación non é outra que a ampliación progresiva da “ventá de seguridade”, é dicir, o tempo transcorrido desde que se produce o ictus ata que se recomenda aplicar esta técnica. Na actualidade é de 6 horas.
Con todo, as últimas investigacións sobre a idoneidade desta técnica para o paciente indican que esa recomendación de tempo pode aumentar a 12, 16 e mesmo ata 24 horas. Desta forma incrementarase o número de posibles pacientes susceptibles de ser tratados.
Referencia
O Hospital Álvaro Cunqueiro é referencia para esta técnica de tratamento en determinados casos de ictus para o sur de Galicia. Isto significa que atende os casos que chegan a Urxencias da área sanitaria viguesa. Pero tamén aos pacientes con ictus que son trasladados desde os servizos de urxencia de Pontevedra e de Ourense.
Así, o 55% dos pacientes tratados en 2018 procedían de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, o 21% foron do Complexo Hospitalario de Ourense, o 19% do Complexo Hospitalario de Pontevedra, e o 6% de Povisa.
As porcentaxes variaron con respecto aos do primeiro ano e medio de implantación da técnica. Nese período, o 48% procedían do Álvaro Cunqueiro; o 19%, do complexo de Ourense, un índice similar ao dos pacientes procedentes de Povisa; e o 13% chegaron do complexo de Pontevedra.
As estatísticas mostran que hai unha porcentaxe lixeiramente maior de mulleres que de homes. Así, o pasado ano, o 54% de pacientes tratados con trombectomía foron mulleres e os 46% homes. Unha proporción que se mantivo case desde a implantación desta técnica, con lixeiras variacións. No período 2016-2017 a porcentaxe foi de 56% mulleres e 44%, homes.
Evolución dos pacientes
O doutor Vila subliña a importancia dos datos reflectidos sobre o seguimento e a evolución dos pacientes tratados mediante trombectomía. Un seguimento sobre o que se poden extraer as primeiras conclusións transcorrido un período de 90 días desde que se realizou o procedemento.
“Os datos que recollemos indican que un 41% dos pacientes que tratamos ten independencia na súa vida cotiá despois deses 90 días. Esta porcentaxe é mellor que a obtida en ensaios clínicos doutros lugares e é superior ao que publican algunhas comunidades autónomas”.
A supervivencia sitúase en torno ao 83% dos pacientes, tanto dos que poden facer unha vida case normal como os que teñen determinadas secuelas.
“A nosa impresión no momento de facer este primeiro balance de actividade é que estamos dentro de todos os estándares tanto de ensaios clínicos como de publicacións, pero os datos son mellorables e niso ímonos a aplicar”, resalta o doutor Óscar Vila.