Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, considera que “o enésimo intento de revivir un ámbito condenado á ilegalización xa ten pouco percorrido tanto pola nova Lei do Solo como pola situación da empresa promotora que tenta vender todos os seus activos no conxunto do estado”.
Marea de Vigo cualifica como «moi graves as irregularidades que se suceden nos procesos asemblearios da Comunidade de Montes de Cabral, onde non hai transparencia nas altas e baixas de comuneiros, onde non se aclaran os obxectivos das permutas e mesmo seguen sen darse explicacións dos soterramentos ilegais no Monte do Gorxal».
Ademais, o grupo municipal defende a inviabilidade legal e mesmo económica do proxecto de Porto Cabral e considera «delirantes» as cifras de 1.200 millóns de euros en investimentos que din que traerá a parroquia o proxecto, xa que «eses números nin son certos nin teñen en conta o grave impacto no comercio local e de proximidade que tería o macro centro comercial e de ocio».
Sinalan ademais que a nova Lei do Solo 2/2016 do 10 de febreiro deixa claro no artigo 34 en canto ao Solo rústico de especial protección que «o planeamento clasificará como solo rústico de especial protección os terreos afectados polas lexislacións sectoriais de protección do dominio público marítimo-terrestre, hidráulico ou de infraestruturas ou polas de protección dos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais».
Rubén Pérez afirma que neste momento «a responsabilidade está no Concello, xa que o futuro PXOM que está actualmente en elaboración podería excluír xustificadamente do solo rústico de especial protección os terreos que o Concello de Vigo considere «necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, logo do informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente».
«Un macro-centro comercial e de ocio non entra a formar parte dunha necesidade urbanística racional e moito menos despois de que o Concello de Vigo alegara contra outro centro comercial de características semellantes proxectado polo RC Celta en Mos onde, acertadamente, o Concello de Vigo alega contra o impacto económico sobre o comercio local da cidade, contra o uso de recursos hídricos non garantidos e que poden ter impacto nas concas hidrográficas afectadas e contra o impacto ambiental de realizar esta actuación nun monte comunal», explica Rubén Pérez.
Marea de Vigo conclúe que «queda claro que esas alegacións formuladas polo Concello de Vigo son perfectamente aplicables ao proxecto de Porto Cabral, e o non manter o mesmo criterio só se pode deber a intereses particulares de dubidosa legalidade».