No acto, no que se reivindicou a necesidade de poñer fin a esta lacra social, a escritora viguesa Ledicia Costas leu un poema creado expresamente para a concentración. Tamén estiveron presentes a alcaldesa de Cambados; os alcaldes de Ponte Caldelas, Vilaboa, Pazos de Borbén, A Illa de Arousa e Cuntis; concelleiras e concelleiros de Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Moraña, Poio, Forcarei, Barro, Caldas e Cangas; e funcionarias e funcionarios da institución provincial.
Silva asegurou que “hoxe falan estes nomes que están escoitando: os nomes de 1.000 mulleres asasinadas polo simple feito de ser mulleres, para que non se silencien, para que non queden no esquecemento, para que non pareza que isto é algo pasaxeiro”. A presidenta destacou que “estes nomes están aí e sempre, na memoria, falando alto claro contra as violencias machistas e contra un sistema machista que asasina ás mulleres polo mero feito de ser mulleres”. Tamén tivo palabras a presidenta para Ledicia Costas, “quen falou no nome de todas as mulleres, das que estamos aquí e de todas as que estamos comprometidas con construír outro mundo”.
De feito a escritora incidiu no motivo da concentración convocada pola Deputación de Pontevedra, destacando que “estamos aquí para denunciar o machismo asasino, para tomar conciencia de que cada vez que alguén nega a existencia desta barbarie, ou cada vez que alguén cuestiona o feminismo, está lexitimando os maltratadores”.
Neste eido, Costas fixo fincapé “no lamentable espectáculo daqueles partidos políticos que negan a existencia da violencia machista para conseguir votos do xeito máis miserable; partidos que cuestionan os minutos de silencio polas mulleres asasinadas e se retiran das pancartas institucionais que denuncian esta lacra”. Por elo a escritora reivindicou a necesidade “do apoio completo dos gobernos” e dunha revolución feminista antes de rematar coa lectura dun poema creado para a concentración.
1000 nomes contra o #machismo, os das 1000 mulleres asasinadas pola violencia machista desde 2003. A @depo_es lémbraas con 2 grandes pancartas na fachada do Pazo provincial. Grazas a @LediciaCostas por prestarnos a súa voz #BastaXa #NinUnhaMenos ? https://t.co/cIbxFuEH8r pic.twitter.com/VOGzzdaGZ9
— Deputación Pontevedra (@depo_es) 17 de junio de 2019