A colaboración para este proxecto entre a produtora galega Portocabo e SPi, unha das compañías de televisión máis importantes de Portugal, xestouse na primeira edición de Conecta Fiction, celebrada en 2017 en Santiago de Compostela, de modo que é unha das primeiras series que ve a luz resultado dos encontros de coprodución facilitados por este evento.
A ficción, que ambas as produtoras están a preparar para Televisión de Galicia e RTP -a televisión pública portuguesa-, reflicte o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial coa actriz portuguesa Vitoria Guerra e os galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas. Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e João Arrais tamén forman parte do elenco da serie.
Ademais, Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, que tamén asina o argumento xunto a José Rubio, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez. O guión corre a cargo de Lida Fraga, Carlota Dans, José Rubio e Eligio Montero, a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte de Andrea Pozo, e a música, de Elba Fernández e Xavi Font.
A rodaxe de ‘Auga seca’, que xa tivo lugar en varias localizacións de Vigo e arredores e continuará na cidade ata o próximo 19 de xullo, trasladarase despois ata Portugal para prolongarse durante dúas semanas máis. O carácter transfronteirizo da serie, que se rodará en galego e portugués, está integrado na propia trama. Tal e como afirma Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo «este é un thriller naturalista, verosímil, crible moi envorcado cara ao mar, e por iso é polo que Vigo e Lisboa son tamén dúas das súas protagonistas».
‘Auga seca’ é a segunda serie que Portocabo produce con Portugal tras ‘Vidago Palace’, un drama histórico emitido en 2017 por Televisión de Galicia e RTP, que tamén adquiriu os dereitos de emisión deste novo proxecto. Portocabo continúa así a súa liña de ficción internacional tras a estrea de ‘Hierro’, a primeira coprodución dunha serie orixinal para Movistar+, con ARTE France e Atlantique Productions. Dirixida por Jorge Coira, ‘Hierro’ estreouse o pasado 7 de xuño en España e Latinoamérica e está dispoñible en Movistar+.