Esta actuación forma parte do proxecto de cooperación europea ‘Visit Río Miño’, de preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, en concreto dentro das obras comprendidas para a creación do ‘Anel Verde do Miño’, que consiste nunha «rede de sendeiros que comprende máis de cen quilómetros de ciclovías e camiños pedestres entre Galicia e Portugal e é, sen dúbida, un dos maiores atractivos deste territorio e de todo o sur da provincia».
As actuacións previstas teñen unha dobre finalidade, por unha banda a recuperación da contorna, preservando e protexendo un espazo de alto valor ecolóxico, e por outro lado, a mellora da accesibilidade e os servizos da praia para a cidadanía.
Na actualidade os accesos á praia do Muíño consiste nunha plataforma de recheo e un muro, así como un aparcamento a pé de praia. O proxecto inclúe a construción dunha rotonda para a regulación do tráfico, a ampliación das entradas ao areal e a creación dunha plataforma peonil de acceso a praia.
O alcalde, Antonio Lomba, manifestou a súa satisfacción co proxecto e destacou a relevancia destas obras que «permitirán rexenerar unha das zonas máis importantes para o Concello dende un punto de vista turístico e medioambiental».
Segundo explicou, o actual acceso ao areal «rompía a conexión coa natureza» e presentaba «certa degradación». Con estas actuacións «recuperaremos esta área converténdoa nunha paisaxe moi coidada, onde as persoas prevalecerán sobre os coches», evitando que os vehículos poidan chegar ata a beira da praia e que permitirán á cidadanía «gozar aínda máis se cabe deste entorno inigualable».
Os traballos consistirán na conexión de dous sendeiros que desembocan no areal, un marítimo e outro fluvial, consolidando un novo treito do Anel Verde do río transfronteirizo formado por rutas galego-portuguesas xa consolidadas, un dos maiores atractivos do sur da provincia.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, e Antonio Lomba, coincidiron en destacar a relevancia desta actuación para recuperar un espazo natural de altísimo valor turístico e medioambiental.