A deputada en funcións de Cohesión Social e Xuventude e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, foi a encargada de presentar o mural, acompañada polo director, persoal docente e alumnado do centro de ensino e tamén polo artista grafiteiro O Ras.
O mural do alumnado redondelán atópase no muro exterior do centro no que 43 estudantes de 1º da ESO comezaron a traballar o pasado venres 14 de xuño grazas á colaboración de O Ras e despois de ter recibido varias sesións formativas nas que afondaron sobre a temática central de DepoRúARTE 2019: os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) establecidos pola ONU.
As nenas e nenos do IES de Chapela escolleron o obxectivo número 14, a vida mariña, ao considerar necesario e urxente que nos sensibilicemos sobre como as nosas accións teñen repercusións directas na natureza. As rapazas e rapaces salientaron a importancia do mar para a xente de Redondela, e tamén que é unha obriga de todas as persoas protexer os ecosistemas mariños para preservar a súa diversidade.
A deputada en funcións e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou que desde a Deputación de Pontevedra “queremos que teñades voz e compromiso, neste caso co medio ambiente, para que sexades conscientes da importancia de formar en igualdade e respectando a vosa contorna”. Rivas felicitou a implicación de alumnado e profesorado “do instituto no que estudei” neste proxecto, valorando positivamente que “a educación en valores como a sustentabilidade e a igualdade están moi presentes neste centro”.