O certame, que cumpre en 2019 a súa cuarta edición, celebrarase de forma simultánea en 29 lugares de España, Portugal, Canadá e Chile recoñecidos internacionalmente co selo Starlight, que acredita a riqueza das súas paisaxes nocturnas e aspira a preservar os seus ceos da contaminación luminosa.
Todos os participantes terán que tomar as imaxes obrigatoriamente entre a posta de sol do sábado 29 de xuño e o amencer do domingo 30, un requisito que converte o Maratón Starlight no único concurso internacional de fotografía nocturna que se realiza concentrado nunha soa noite. As fotografías deberán ter sempre o ceo como protagonista e estarán relacionadas con tres temas diferentes propostos pola organización no eido da fotografía nocturna e dos astros celestes co fin de concienciar sobre a protección destas paisaxes.
De entre todas as imaxes recibidas, o xurado, formado por fotógrafos, astrónomos e outros profesionais do sector, seleccionará aquelas series máis creativas e impactantes, outorgando aos gañadores tres premios e dous accésit.
De forma paralela ao concurso, a organización, co apoio e a colaboración do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, tamén ten previsto realizar unha serie de actividades lúdicas, de divulgación e formación abertas tanto aos fotógrafos afeccionados que pasen a fin de semana no arquipélago, como aos seus acompañantes ou calquera outra persoa que queira gozar das estrelas nestes paraxes únicos. Concretamente, este ano o programa centrarase tan só na illa de Ons, e constará dun curso de iniciación á Fotografía Nocturna de sete horas durante a tarde-noite do venres 28 e de varias charlas e actividades ao longo do sábado 29, de forma previa ao inicio do Maratón.
As Illas Atlánticas, destino Starlight desde 2016
O Parque Nacional das Illas Atlánticas foi declarado destino turístico Starlight no ano 2016, de aí a importancia de iniciativas coma esta, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e contribuír a preservalos como auténticos oasis de escuridade. Desde entón, o número de actividades relacionadas coa observación das estrelas nas Illas Atlánticas non deixou de medrar e de feito, o ano pasado un total de 23.662 persoas visitaron o arquipélago para participar nalgún dos eventos promovidos por entidades de divulgación astronómica, en colaboración coa dirección do parque nacional.
Estes destinos, avaliados pola UNESCO e recoñecidos pola Fundación Starlight -organismo de ámbito internacional vinculado ao Instituto Astrofísico de Canarias-, son lugares visitables que gozan de excelentes calidades para contemplar os ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para actividades turísticas baseadas neste recurso natural.
O Sistema de Certificación Turística Starlight creouse co obxectivo de fomentar a mellora da calidade das experiencias turísticas e a protección dos ceos nocturnos nos espazos elixidos. Neste sentido, o certificado permite axuntar ciencia e turismo a través da astronomía e da visión do firmamento como ferramentas para fomentar unha nova forma de turismo intelixente.
Cómpre lembrar que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia recibiu tamén a finais de 2015 a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo co desenvolvemento dunha actividade turística de calidade. Neste sentido, desde a dirección do Parque Nacional trabállase tamén coas empresas que colaboran na carta para desenvolver produtos turísticos baseados na contemplación do ceo nocturno e as estrelas.