Rubén Pérez, concelleiro de Marea de Vigo-Son en Común, considera que estes grupos son “os grandes esquecidos” do verán na cidade e solicita que tanto no Marisquiño –que tamén recibirá 100.000 euros procedentes dunha renuncia de subvencións doutra entidade- como nas festas estivais se contraten grupos locais para Castrelos e proxectos de animación cultural para os barrios.
“Vigo ten bandas de música de todos os xéneros e proxectos lúdicos e culturais excelentes que quedan ano tras ano fóra das programacións das festas de Vigo. Dispoñer de súpeto dun millón de euros que antes se dilapidaba nun proxecto erróneo de subvención a unha compañía aérea é un bo momento de dignificalos”, apunta Pérez.
Marea de Vigo non presentará emendas a esta modificación porque, entre outras cousas, a orixe da partida que se anula non permite, por exemplo, consignar ese crédito a programas sociais ou asistenciais nesta lexislatura. A formación entende como un “mal menor” empregar estes recursos para que bandas locais, pequenas empresas culturais ou proxectos lúdicos e de lecer poidan participar na programación de verán que “por desgraza, ata o de agora, está exclusivamente centrada en deitar recursos públicos en tres ou catro promotoras musicais, curiosamente as que programan sempre co Concello de Vigo”.