Este servizo é o único dispositivo de urxencias extrahospitalarias co que conta a cidade. Situado no antigo Hospital Xeral, encárgase das atencións urxentes tanto no propio centro como nos domicilios dos pacientes e na vía pública, cunha poboación ao seu cargo de preto de 400.000 habitantes.
Para realizar as atencións fora do centro o PAC conta con dous vehículos especiais con luces de emerxencia e sirenas, para o traslado do persoal sanitario ao punto onde se precisan os seus servizos. Con todo, un dos vehículos sufriu un accidente estando de servizo o pasado 29 de maio co resultado de “sinistro total”.
Por este motivo houbo de ser substituído por outro que, segundo a CIG, “non conta cos requisitos necesarios para realizar emerxencias e ao non dispoñer de luces rotativas nin sirenas non é apto para a realización, con seguridade, daquelas asistencias que requiren dun desprazamento rápido pola cidade, polo que non pode ser empregado a maioría das veces”.
Ademais, o sindicato advirte de que sobre o segundo vehículo se teñen notificado nos últimos meses “numerosas incidencias”, que a data de hoxe seguen sen ser resoltas (problemas coa batería, coas sirenas, co aceite…)
Por todo isto, a plataforma reclamou aos responsables da área sanitaria de Vigo que acheguen unha solución para “reverter” esta situación.