Para facer uso da pista de pádel, os interesados deben anotarse previamente (polo menos un día antes) presencial ou telefonicamente. Actualmente e ata o 2 de setembro poden facelo nas oficinas da OMIX no edificio Multiusos das Pozas (986 339 404) en horario de 10.00 a 14.00 horas e a partir do 2 de setembro durante todo o día no Pavillón Óscar Pereiro (986 334 070).
O uso da pista realizarase en quendas de hora e media, sendo a primeira sesión ás 09.30 horas e a última ás 21.30 horas. O peche das instalacións deportivas é ás 23.00 horas e o horario de uso das mesmas é ininterrompido durante toda a xornada, sen peche ao mediodía.
A obra de recuperación de área recreativa-deportiva en Santiaguiño con subministro de pistas de pádel e skate era anunciada a mediados de maio polo Concello de Mos. Obra que foi subvencionada -a través dun convenio de colaboración asinado coa administración local- pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galiza cun importe total de 36.300 euros.
Co subministro e instalación destas pistas de pádel e skate pretendíase revitalizar esta zona, recuperar unha área recreativa deportiva e poñela en valor. Deste xeito dinamizarase a zona de Santiaguiño, área de espazos ao aire libre, verdes e deportivos, que nos últimos anos está sendo obxecto de rexeneración e creación de elementos dinamizadores para a xuventude, tanto ambientais como deportivos.