Este deporte de praia chega por segundo verán consecutivo ao areal de Samil -situarase a carón do complexo deportivo municipal e utilizará a actual instalación de Vigoarena-, en 2018 en xuño e agora en xullo. Así, o mellor futevolei do país citarase en Vigo con participantes de nove comunidades autónomas.
A LNFV, de marzo a setembro na súa cuarta edición, dispútase en sete etapas, unha máis que o ano pasado, e xa se celebrou en Valencia, Barcelona, Tenerife, Alacante e San Sebastián. Tras Vigo pechará o ano Valencia (31 de agosto e 1 de setembro).
«É un evento importante que introduce un elemento novidoso na actividade deportiva da cidade», explicou o concelleiro, que estivo acompañado por Enrique Sánchez, Breno López e Diego Ferreira.
Sánchez agradeceu ao Concello «a acolleita e a axuda ao evento porque pelexamos con cidades como Barcelona, Valencia ou San Sebastián», e apuntou que esta modalidade de praia «está a ter unha gran expansión non só en Europa senón tamén a nivel mundial».
Na Liga Nacional compiten xogadores das costas atlántica, cantábrica e mediterránea. Está dividida en dúas categorías, grupo Ouro e grupo Prata, e neste participan cinco parellas viguesas Adolfo Pérez/Diego Ferreira, Breno López/Borja López, Germán Martínez/Enrique Sánchez, Ramón Pérez/Iván Regueira e Joaquín Barcia/Javier Millos.
Para a cita de Samil a organización espera unhas 75 parellas de toda España entre a competición Ouro e a Prata. En San Sebastián en xuño unha parella de Vigo, Borja López/Breno López, gañou a categoría prata. Ademais, a Vigo acudirán os campións de Europa, unha parella valenciana.