A iniciativa foi presentada este mércores, nun acto que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro; a directora do Museo, Marta Lucio; os coordinadores do ciclo, Juan Rivas e Manuel Araújo e os recoñecidos músicos galegos, Amaro Ferreiro, Moon Cresta, Presumido, Blusvai e Cora Velasco.
No acto púxose de manifesto o principal obxectivo da Xunta de Galicia con este ciclo, o de poñer en relevo os traballos de artistas locais, tanto emerxentes como consagrados, mediante unha programación transversal, que una a estes con artistas de traxectoria consolidada no panorama nacional. Unha simbiose exclusiva, que converterá ao Museo do Mar de Galicia, nun inmellorable punto de encontro para os amantes da música.
O ciclo busca ademais dinamizar os espazos de lecer do Museo do Mar e contribuír así, a xa extensa oferta cultural deste centro. Os concertos, que se desenvolverán no serán, terán como marco o espectacular solpor na Ría de Vigo, unha estampa que gaña valor coa calidade arquitectónica do edificio do Museo do Mar, obra dos arquitectos Cesar Portela e Aldo Rossi.
Programa
O ciclo constará de seis citas semanais, que ocuparán o calendario dende a última semana de xullo ata finais de agosto. A primeira sesión será o próximo mércores 24, e terá un acento marcadamente galego coa participación de Baiuca e Presumido, dúas propostas locais de estilo único. Será a partir da primeira semana de agosto, cando o programa de “Solpores do Museo” combine en cada sesión a un grupo ou músico galego con outra proposta chegada de fora.
Os concertos celebraranse na terraza do restaurante do Museo do Mar de Galicia a partir das 20:30, cun aforo limitado. A entrada será de balde previa descarga da invitación na páxina web www.solporesdomuseo.com.
Mércores 24 de xullo
Baiuca + Presumido
Xoves 1 agosto
Amaro Ferreiro + Villanueva
Xoves 8 agosto
Moon Cresta + Aurora & The Betrayers
Xoves 15 agosto
Soleá Morente + Budiño
Xoves 22 agosto
Joe Crespúsculo + Cora Velasco
Xoves 29 agosto
Zenet + Blusvai
PRIMEIRA SESIÓN – MÉRCORES 24 DE XULLO
BAIUCA
Baiuca é un proxecto moi persoal que tenta achegar a tradición galega á vangarda, á electrónica. Instrumentos como cunchas, frautas, gaitas ou voces tradicionais; asócianse con sintetizadores,
caixas de ritmo e programacións. Detrás do proxecto atopámonos a Alejandro Guillán, Alex Casanova, quen xa sorprendera cun synth pop realmente brillante, conxugando hedonismo 80 s e pop electrónico con espírito clásico e sintético.
Todo iso quedou reflectido en “ Antagonasia” ( Crispis, 2014). Na música de Baiuca atopamos elementos recoñecibles de músicos como Carlos Núñez –especialmente as frautas-, Mercedes Peón,
Xosé Lois Romero ou Milladoiro, pero tamén propostas vangardistas como as de Nicola Cruz ou Chancha Vía Circuito.
PRESUMIDO
Presumido é unha ponte entre pasado e presente do Pop Electrónico, unha proposta formada por Tarci Ávila e Nacho Dafonte que busca explorar novos territorios musicais do pop en español na súa vertente máis electrónica. As súas influencias son todas internacionais ( Moderat, Nine Inch Nails, Bon Iver) salvo unha, Tino Casal, a quen admira e reivindican como máximo expoñente español do pop electrónico. Aínda que o inicio da banda remóntase a 2013, foi a mediados de 2015 cando decidiron ambos, deixar de tocar con outros artistas para poder centrarse en exclusiva no seu novo proxecto.
O seu primeiro longo, lanzado en xaneiro de 2017, Vendetta, foi un dos discos máis galardoados a nivel nacional en 2017: Top 1 Virales de España en Spotify durante varios días, Top 50 durante máis dun mes, Mellor Disco 2017 para Mondo Sonoro na edición castellanoleonesa e galega e foi tamén “ melocotonazo da semana” en Hoxe Empeza Todo de Radio3. En definitiva, estivo entre os mellores discos de 2017 para máis de 20 medios.