Nunha visita organizada pola delegación en Vigo do Colexio de Arquitectos (COAG), profesionais do sector tiveron coñeceron o inmoble que ocupa os número 11, 13 e 15 da rúa Ribeira do Berbés e no que a Universidade de Vigo “potenciará a súa presenza na cidade e achegará servizos á cidadanía, ademais de ser un elemento rexenerador do barrio, que axude á configuración da cidade”, sinalou Héctor Álvarez, director técnico de Infraestruturas da institución académica viguesa.
Gonzalo Alonso destacou o carácter colectivo dunha obra “significativa porque que é unha das primeiras en Galicia de madeira laminada”, dixo, ao tempo que confirmou, que unha vez rematada a estrutura, a cuberta e a fachada, en próximos días se iniciarán os traballos de colocación do pavimento e instalacións, de xeito que “esperamos que este ano estea rematada”, sinalou o arquitecto.
Pola súa banda, o presidente da delegación en Vigo do Colexio de Arquitectos, Manuel Martínez Carazo, destacou a capacidade da arquitectura para “achegar a sociedade ao mundo soñado onde quere vivir”, ao tempo que reivindicou a pequena obra e demandou que a sociedade potencie a capacidade dos arquitectos na toma de decisións dos espazos urbanos e rurais “para deseñar unha contorna de calidade na que vivir”.
Madeira contralaminada
Na visita á nova sede institucional da Universidade de Vigo, Manuel Touza, técnico de XERA-CIS Madeira, destacou que os case 400 metros cúbicos de madeira contralaminada empregados na construción do edificio “absorben o CO2 que emiten como mínimo 250 vehículos ao ano en Vigo e que poderían chegar a 1000 se teñen en conta outros factores, como que non se empreguen na construción materiais como formigón ou aceiro, así como a posible reutilización enerxética do inmoble unha vez rematada a súa vida útil”.
Pola súa banda, tras lembrar a orixe mariñeira dos inmobles que ocupa a sede institucional da Universidade, “ata onde case chegaba o mar e baixo as súa arcadas gardábanse as barcas coas que se pescaban baleas, mentres arriba vivía a xente”, explicou o arquitecto Gonzalo Alonso. Ademais, destacou que no proxecto se introduciron as demandas da institución académica, que precisaba un inmoble “onde se puidesen facer actividades, atender cuestións das matrículas, tenda, despachos ou espazos multifuncionais”.
GALERÍA DE FOTOS