O mandatario galego entregou unha placa recordo ao recuperador nacido en Mugardos en recoñecemento de toda a súa traxectoria e gabou a súa figura da que dixo que se compón de “maxia e olimpismo a partes iguais”.
Por unha banda falou dese compoñente máxico que se entende a escoitar as historias dos seus milagres como o do saltador italiano, Giuseppe Gentile, que “tras estar literalmente coxo en México 68, decidiron levarllo a Torrado e cinco días despois logrou a medalla de ouro batindo o récord do mundo de triplo salto”.
No que respecta ao olimpismo, o secretario xeral citou algunhas liñas da carta olímpica que o definen como “unha filosofía da vida, que exalta e combina nun conxunto harmónico as calidades do corpo, a vontade, e o espírito”. A vida de Torrado, dixo, “subscribe punto por punto a definición de olimpismo; unha filosofía de vida que levou como bandeira nos cinco Xogos Olímpicos aos que acudiu: México 68, Múnic 72, Montreal 76, Seúl 88 e Atlanta 96”.