Así o puxo en valor esta mañá a presidenta provincial na presentación do festival na lonxa de Cesantes, na que tamén participou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o concelleiro de cultura e turismo, Daniel Boullosa, e o codirector di festival, Luis Campos. “Amais, como novidade, este ano o festival contará cunha artista trans, o que engade a diversidade como un valor máis do Sinsal”, salientou Silva.
Neste eido, a presidenta da Deputación resaltou que “dende a institución provincial imos traer o noso vídeo Sorrisos transformadores, realizado coa Asociación Arelas, no que o colectivo trans conta o seu desexo de ser feliz cada día”. Durante a súa intervención, Carmela Silva tamén enxalzou a posta en valor no festival “do produto local e ligado a ecoloxía, esta é outra das cuestións que temos que promover”. Un ano máis, a principal característica do Sinsal Son Estrella Galicia é o carácter secreto do seu cartel, “pero malia que aínda se descoñecen, as súas e os seus artistas sempre teñen unha enorme calidade musical”, apuntou Silva e engadiu que “este festival é moi especial porque ten todos os ingredientes para converterse en único”. Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela sinalou que “de cara ao ano que vén queremos que toda a veciñanza de Redondela estea implicada neste festival que, tanto a nivel nacional como internacional, ten moitísimo impulso. Estou encantada de que se celebre aquí”.
Tal e como sinalou Carmela Silva, este ano a Deputación de Pontevedra, ao igual que no resto dos festivais, terá no “Sinsal Son Estrella Galicia” unha carpa propia de igualdade para previr o acoso e as agresións sexuais coa campaña “Eu decido, ti respectas”. De feito, esta mesma mañá, co obxectivo de amosar as novidades desta terceira edición e o plan de traballo, así como para presentar o balance da pasada edición da campaña neste festival, persoal da Deputación mantivo hoxe un encontro no Salón de Plenos do Concello de Redondela coa alcaldesa, Digna Rivas, representantes da corporación municipal, da Policía Local, da Corporación Nacional de Policía, a psicóloga e a avogada do CIM.
Deste xeito, a Deputación de Pontevedra instalará un punto de información, con cinco axentes de igualdade que entregarán os folletos dirixidos a mozas e a mozos con contidos diferenciados para mulleres e para homes e outros materiais promocionais que van complementar a campaña, adhesivos, sombreiros, tarxetas, pulseiras. Amais, en sintonía coa axenda de sustentabilidade da institución provincial, tamén se instalará un stand informativo pertencentes á campaña “Experiencias Sostibles”, que este ano está a concienciar na loita contra os plásticos e nos seus efectos no medio ambiente e na saúde das persoas. En concreto, a campaña de igualdade estará presente o día 28, e a campaña de sustentabilidade desenvolverase durante a xornada do 25 de xullo.
Máis polo miúdo, durante estes catro días de festival, a illa de San Simón vaise encher de música, gastronomía, lecer e moitas outras actividades. Así, nos últimos anos pasaron pola illa artistas coma Alt- J, Maika Makovski, Camila Moreno, Anna Meredith ou Malándromeda, entre outras e outros artistas. Na última edición, o “Sinsal Son Estrella Galicia” recibiu a preto de 3.000 visitantes durante as dúas xornadas, das cales 650 pasaron polo stand de Igualdade da Deputación onde se prestou asesoramento e, amais, no marco da campaña de Turismo Sustentable repartíronse preto de 700 ecocabichas.