Así, entre os 50 deportistas inscritos de diferentes comunidades e con idades dos 6 aos 30 anos destacan os dous mellores de España, os mallorquíns Lautaro e Borja Mauricio; ou o cuarto mellor junior do mundo, Alex González, do País Vasco. Mención especial merece Iago Senra, nigranés promotor do evento que é actualmente sétimo de España e número 1 en Galicia.
“Son un auténtico espectáculo, moitos deles son nenos que non superan os 10 anos e resulta impresionante o que acadan”, sinalan dende a organización, animando á veciñanza a asistir a este evento que naceu en Porto do Molle, onde precisamente o Concello está a rematar nas marxes do río Muíños un espazo deportivo permanente de ‘skate’ e ‘scooter’.
“Hai unha grande afección entre os rapaces de Nigrán a este deporte urbano, por iso dende o Concello apostamos forte por Porto Scoot e estamos a rematar estas pistas”, sinala o alcalde, Juan González, quen agarda que a competición “se consolide chegando a ser unha referencia en Galicia e a escala nacional”.
O campionato arrancará o sábado cos adestramentos dende ás 16:00 ás 21:00 horas para reanudarse o domingo coa propia competición de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Ata o propio domingo a primeira hora os ‘riders’ poden inscribirse nas instalacións deportivas de Gaifar.