Tempos novos para a Romaría de San Roque. A idea de que esta histórica festa estaba quedando algo anticuada hai anos que empezara a callar entre a poboación e a nova directiva –elixida en febrero, con Justo Román á fronte- quixo poñerlle freo o antes posible.
Estamos a falar da romaría urbana máis antiga da comarca, con historia documentada desde o século XVII, que se basea no culto a San Roque. Cada ano miles de vigueses e veciños de máis alá da cidade achéganse á finca de San Roque para cumprir coa tradición e gozar tamén da festa, pero para poder asegurar o seu futuro esta cita ten que resultar atraente tamén á xente moza.
Cun equipo formado maioritariamente por mulleres novas, a nova xunta directiva da Irmandade de San Roque quere «pór en valor o propio concepto de romaría popular, e en concreto á de San Roque, que ten unha significativa importancia para a cidade de Vigo. Para iso desexamos atraer a xente nova, como único xeito de mantela e darlle continuidade”, explican desde a popia Irmandade.
Basta botarlle unha ollada ao cartel coa programación deste ano para comprobar estes novos tempos que chegan a San Roque. Na fin de semana do 17 e 18 de agosto fan a súa entrada grupos como Crónicas POP ou La Patrulla, o sábado, que propoñen versións de cancións dos 80 e 90; e xa o domingo subirán aos escenario Alberto Cunha e Tony Lomba, que preceden ás populares Broken Peach.
Desde a directiva da Irmandade destacan que non queren perder a esencia desta festa, e por iso manteñen unha programación máis tradicional o día 15 (día da Asunción) e o día grande de San Roque, o venres 16. Neste mantemento da esencia teñen cabida tamén grupos de folk, como é o caso do Fiadeiro, agrupación proveniente do Calvario, que actuará o venres.
A renovación tamén poderá comprobarse na propia estética da festa, que este ano estará máis coidada no que atinxe ás cores dos propios postos de venta ou na organización dos mesmos, segundo destacan desde a xunta directiva.
Desde a súa chegada en febreiro, a nova xunta directiva da Irmandade está á procura de novos apoios institucionais que dean un maior relevo e axuda á festa. Ademais, apostan tamén polo seu recoñecemento como Festa de Interese turístico “algo que sería unha noticia moi positiva, tanto para a Irmandade como para toda a cidade de Vigo”, indican.