A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de acondicionamento e mellora dun treito duns 120 metros da estrada provincial de acceso á praia de Nerga (EP-1007), en Cangas do Morrazo. Esta actuación foi financiada pola institución provincial con 52.998 euros
O obxectivo desta obra de acondicionamento, que se adxudicou á empresa Construcciones Caldevergazo, S.L., era aumentar a seguranza viaria e o seu ámbito da actuación era especialmente sensible porque na zona existe un centro de educación infantil e unha zona de parque. Neste contexto, o proxecto serviu para delimitar claramente a circulación do tráfico e os itinerarios peonís.
En concreto, creouse unha zona de aparcadoiro en liña de 2,5 metros mais unha senda peonil de 2,5 m de ancho pola marxe dereita. Amais tamén se executou unha semi-glorieta no punto quilométrico 0+120 na marxe dereita, aumentando o radio da curva nese mesmo punto co fin de mellorar a visibilidade da curva e aumentar así a seguridade viaria.
Por último, co fin de calmar o tráfico, dotouse á estrada dun paso de peóns sobreelevado e dun redutor físico de velocidade de vehículos.