Estas cifras, ademais, compleméntanse coas valoracións do sector hostaleiro, que sinalan que “o gasto medio por visitante está a aumentar de forma substancial”, o que significa que na provincia estase a crear “máis economía, máis riqueza e máis beneficio”.
Silva informou de que o 76,5% de ocupación que rexistrou a comarca de Vigo no mes de xullo foi un dato superior nun 4% aos resultados acadados no mesmo mes de 2018, e fixo dúas mencións especiais á cidade de Vigo (82%) e a Baiona (77%) como as vilas que rexistraron maiores resultados da contorna. Ademais, durante a ponte do 25 de xullo, a comarca rexistrou resultados aínda máis positivos cun 81,1% de ocupación durante eses días.
Carmela Silva valorou que “as zonas con maior ocupación son os destinos turísticos por excelencia e que xa están consolidados: Sanxenxo, O Grove, Vigo, Pontevedra e Baiona”. En canto ao perfil, “maioritariamente falamos dun perfil familiar, en torno ás catro persoas, cunha estancia media de oito días e procedencia sobre todo estatal”.
O público estatal representou o 85,5%, principalmente de Madrid, Barcelona, Euskadi, Aragón ou Estremadura. Pola contra, o turismo estranxeiro supuxo o 14,5% sobre todo de Francia, a Alemaña, Portugal, Italia e a Arxentina.
En canto aos castelos, durante o mes de xullo achegáronse a eles preto de 4.000 persoas no caso de Soutomaior (3.933 persoas) e outras 1.824 ao de Sobroso. Carmela Silva tamén valorou os datos de mes de xullo nas principais illas, con “Cíes sen prazas durante todo o mes e xa esgotadas ata finais de agosto”, e “30.000 visitas a Ons con 6 días sen prazas”.