O representante da CIG nos bombeiros vigueses, Miguel Uclés, que xa adiantara hai máis dun mes a celebración deste paro, explicou que a protesta responde “a unha esixencia dos nosos afiliados e simpatizantes no servizo, que xa non aturan máis a situación límite na que nos atopamos como consecuencia da falta de persoal; non hai que esquecer que o servizo chegou a ter 150 efectivos e na actualidade somos pouco máis de 100”.
De feito, o 30% do cadro de persoal está de baixa por ansiedade ou doenzas físicas derivadas do exceso de traballo: prolongación das xornadas laborais, gardas de 48 horas seguidas, etc. Situación que se agrava polo feito de que case da metade dos bombeiros en activo ten máis de 55 anos (48 de 102). “Noutros servizos xa estarían en segunda actividade, pero no noso seguen en primeira liña”.
“Estamos a falar de cousas moi graves que poderían supoñer denuncias penais, como falsificación documental para xustificar o exceso de horas extra, explotación laboral e poñer en perigo os traballadores e o conxunto da cidadanía”, asegura.
Sobre todo no que ten que ver cos novos bombeiros, que a pesar de atoparse aínda en periodo de formación xa os pasaron ás quendas, “non fan formación e están a traballar sen finalizar a formación e impoñéndolles o decreto de ampliación da xornada, chegando a facer até 48 horas seguidas e duplicando no mes a xornada normal”.
Negociacións bloqueadas
“Tampouco hai garantías de que vaian a pasar a formar parte do servizo porque as bases da Oferta Pública de Emprego (OPE) están denunciadas e igual hai que repetir a convocatoria», lembra. Ademais, a negociación para convocar a oposición de 2019 está bloqueada.
Con respecto á xuntanza prevista para este luns coa concelleira de Persoal e Seguridade, á que acudirán xa como comité de folga, asegurou non agardar nada “porque xa estamos fartos de falsas promesas”.
Esta convocatoria apenas foi valorada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, que se limitou a dicir que os bombeiros están no seu “dereito” legal de convocar este paro indefinido.