Estes aparellos non tripulados incorporan cámaras de vídeo e térmicas, estas últimas pensadas sobre todo para actuar de noite. Mellórase deste xeito a vixilancia móbil no monte, reforzando especialmente as zonas de alta actividade incendiaria. Na mesma liña mellorouse tamén a vixilancia fixa, coa incorporación de 30 novas cámaras de última xeración, que se suman ás 88 xa instaladas na Rede de Videovixilancia Forestal, polo que se disporá dun total de 118.
Con elas cubriranse 200.000 hectáreas máis de territorio galego, a maiores dos 1,6 millóns de hectáreas xa abarcadas. Polo tanto, máis da metade da superficie da nosa comunidade estará vixiada por estas cámaras.
Xestión da biomasa nas franxas
Os novos drons non terán unicamente a misión de detectar focos de lumes, senón que tamén participarán na prevención dos incendios controlando o cumprimento das obrigas canto a xestión da biomasa nas franxas. Así, refórzase a aplicación práctica do convenio de protección das aldeas, cunha maior eficacia nos labores de replanteo e planificación das faixas secundarias que se están a limpar grazas ao sistema público de xestión de biomasa.
Este acordo, que constitúe un avance e unha novidade importante no eido da prevención dos lumes, foi asinado entre a Consellería do Medio Rural, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
As tres entidades traballarán conxuntamente a través de tres piares: a dotación dun plan municipal de prevención e defensa, facilitado xa pola Xunta a 97 concellos (a final de ano serán 200); a xestión da biomasa no 100% das faixas secundarias de 70 parroquias prioritarias e, por último, a denominación de “aldeas-modelo” para fomentar a actividade agrogandeira na franxa de 50 metros próxima ás vivendas en núcleos que funcionarán como exemplo para todo o territorio.
Tecnoloxía IOT
Outra das apostas tecnolóxicas da Xunta na loita contra os incendios será a aplicación da tecnoloxía IOT (Internet of Things) e técnicas de Big Data á Rede de Videovixilancia dos Espazos Forestais de Galicia. Tratarase de despregar dispositivos IOT nun mínimo de tres centros de telecomunicacións da Rede para detectar, analizar e enviar datos relativos a parámetros atmosféricos que teñen incidencia nos incendios forestais como a humidade, pluviometría, temperatura, dirección e forza do vento.
Descende o número de Parroquias de Alta Actividade
Por outra banda, descendeu o número de Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), de acordo coa evolución da cifra de lumes rexistrados e a súa virulencia nos últimos anos nestas zonas. Como consecuencia, diminuíu en seis o número de PAAI con respecto ao pasado ano, pasando a ser 71 no conxunto de Galicia. Nestas parroquias faise un seguimento especial da actividade incendiaria e da súa incidencia sobre o territorio.
Teléfono para denuncias anónimas
No eido da sensibilización social e do fomento da colaboración cidadá contra a actividade incendiaria, unha mellora introducida este ano pola Administración autonómica é a posta en marcha dun teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas, o 900.815.085. Desta forma, a poboación pode denunciar calquera actividade delituosa cando teña coñecemento dela, ben a través deste servizo ou directamente comunicando este tipo de accións ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Dispositivo e formación
O dispositivo establecido este ano na loita contra o lume mantén o esforzo de temporadas anteriores e amplía a súa cobertura, de forma que o persoal fixo descontinuo da Xunta permanecerá despregado ao longo de cinco meses, en lugar de catro, como foi o caso do ano pasado.
En total, son máis de 7.000 as persoas implicadas no operativo, contabilizando as da propia Xunta, da Administración do Estado e dos concellos, apoiadas por unha trintena de medios aéreos e por 360 motobombas, entre outros medios.
A Consellería do Medio Rural está a desenvolver tamén o plan de formación 2019 do persoal da Dirección Xeral de Defensa do Monte cun investimento de 181.000 euros. Son 15 cursos diferentes adaptados e enfocados a cada posto laboral nos que hai 272 accións formativas para 7.142 alumnos (a maioría do persoal recibirá dous cursos) e, das accións previstas, xa se impartiron 173 correspondentes a 8 cursos distintos nas que participaron 5.100 alumnos.
Hai cursos específicos dirixidos a bombeiros forestais condutores de motobomba, emisoristas, bombeiros forestais xefes de brigada, directores técnicos de extinción, etc. Tamén se desenvolverán cursos de primeiros auxilios, de grandes incendios forestais e de condución e manexo de motobombas e todoterreos para bombeiros e xefes de brigada.
Renovación do material
No que atinxe á renovación e mellora do material e dos medios de extinción, a Consellería do Medio Rural renovou este ano ata 22 motobombas do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif). O custo de cada unha destas motobombas supera os 217.000 euros, polo que só nestes vehículos renovados Medio Rural investiu preto de 5 millóns de euros.
Cómpre destacar que desde 2013 renováronse 77 motobombas, é dicir, preto do 50% das que ten o servizo, que está estruturado en 19 distritos forestais. Este ano entregaranse seis vehículos motobomba de segunda man a varios municipios, co fin de mellorar o traballo que se realiza desde as brigadas municipais e contribuír deste xeito a renovar o seu parque móbil.