Esta iniciativa musical comezou o pasado mércores 24 de xullo co espectáculo ofrecido por Baiuca e Presumido, seguido o xoves 1 de agosto polo concerto de Villanueva e Amaro Ferreiro, a quen acompañou por sorpresa Nicolás Pastoriza. Ambas citas contaron cunha gran acollida por parte do público, que reaccionou moi positivamente ante unha proposta de ocio que conxuga a músicos emerxentes e consagrados nun escenario arquitectónico singular e coa posta de sol como valor engadido.
Os concertos son gratuítos e contan cun aforo limitado a 300 persoas pero as entradas, que estiveron dispoñibles na web www.solporesdomuseo.com, esgotáronse en tan só dúas xornadas. En total habilitáronse 1.800 localidades de balde.
O programa inclúe un concerto semanal ata finais de agosto. Tras a cita deste xoves, será a quenda de Soleá Morente e Xosé Manuel Budiño. Xa o xoves 22 de agosto terá lugar a actuación de Joe Crepúsculo e a galega Cora Velasco, mentres que o vindeiro 29 de agosto celebraranse as últimas actuacións do ciclo a cargo de Zenet e Bliusvai.