Carros pneumáticos, de rodamentos e correpasiños para nenos participarán na tripla competición que terá lugar o sábado dende as 21:00 horas a modo de adestramento (sendo así a primeira baixada nocturna de Galicia) e que vivirá o domingo a competición oficial durante toda a mañá (de 10:00 a 14:00 horas aproximadamente). Na noite do sábado celebrarase ademais un concerto de rock a cargo de Eixo Tolo.
Por unha banda, celebrarase a Copa Galicia-Copa Norte e Copa Galicia-Portugal con 20 vehículos neumáticos inscritos a día de hoxe e no que se puntúa a velocidade. Por outra banda, celebrase o Campionato Concello de Nigrán-Eixo Tolo no que participarán 25 carros de bolas (cuxas rodas son rodamentos mecánicos) e no que se premia ao máis elaborado (Eixo Tolo destina 500 euros), ao máis rudimentario, e á cabriola máis espectacular (ambos con cadanseu trofeo).
Ademais, como novidade, celebrarase o sábado ás 18:00 horas unha carreira de correpasiños para nenos no espazo do Torreiro. Todos os menores de idade deberán traer autorización asinada dos pais ou titores con copia do DNI de ambos, ademais, a inscrición ten un custe de 6 euros que inclúe o seguro.
Como xa é tradición, nesta décimo terceira edición o percorrido arranca no Torreiro de Festas de San Roque e remata pouco antes do Pazo da Touza, sendo unha lonxitude de 1 quilómetros e un desnivel do 60% con grandes curvas, polo que ofrece cada ano imaxes espectaculares ao superar os vehículos os 70 quilómetros por hora e sorprender sempre a orixinalidade dalgún dos carros de bolas. Neste escenario realizaranse varias mangas nas modalidades individual e colectiva.