A sesión posterior ao concerto non poderá estar dedicada esta vez a contemplar as bágoas de San Lourenzo polas condicións atmosféricas e do terreo, pero en previsión de que o tempo mellore esta actividade foi posposta para o venres 16 de agosto e estará dirixida igualmente por guías da Agrupación Astronómica Coruñesa. A cambio, os asistentes a Chan de Folk poderán coñecer despois do concerto (23:30 horas) o petróglifo do Rabete. Os encargados desta visita guiada serán expertos de Árbore Arqueoloxía, que levarán réplicas de diferentes petróglifos para realizar un obradoiro.
Esta será a ocasión tamén na que o Concello estree as recentemente adquiridas mochilas vibratorias para que as persoas xordas sintan a música, tendo xa numerosas solicitudes. Co obxectivo de que as poidan experimentar o maior número de persoas posibles e, tendo en conta que é a primeira vez que se empregan en Galicia, distribuirase o tempo de uso entre tódalas solicitudes.
Os interesados en acudir ao festival, de non coñecer o lugar, poden presentarse ás 20:30 horas no Concello de Nigrán en vehículo propio (o campo de fútbol Chandebrito funcionará como aparcadoiro, xa que está pegado á carballeira onde se celebrará o concerto e posterior visita ao petróglifo). Haberá cantina con venda de bebidas e choripáns.