En ‘Draco’, André Fernandes segue a ser fiel ao seu estilo enerxético e a súa inconfundible pegada persoal, tan eloxiada polo público e a crítica. Nesta ocasión, o guitarrista atopou a inspiración nunha profunda reflexión sobre a vida, a morte, a insignificacia do ser humano e o universo. «A arte é un vehículo para a nosa espiritualidade individual, e é tamén unha ciencia, ás veces empírica, e ás veces (cantas máis mellor) instintiva», asegura Fernandes.
A prestixiosa revista estadounidense All About Jazz destacou a calidade deste traballo, do que comentou: “Sen dúbida, os arranxos cheos de cor, as imaxinativas instrumentacións e unha consumada execución das sete composicións do disco, contribúen á forza deste excelente e ben equilibrado álbum».
A xornada comezará ás 13:30 horas cunha sesión vermú na Praza do Arco de Cangas, de mans de O´Po-llective. Este quinteto, a cabalo entre Galiza e Portugal, é un laboratorio ambulante de recente creación no que todos os investigadores sonoros aportan pequenas partes dos seus últimos experimentos. Este colectivo, que prefire non encadrarse dentro de ningún estilo, primando a improvisación, ten a súa base na cidade do Porto.
A banda está formada polo saxofonista João Paulo Silva, Gil Silva no trombón, Joaquim Festas á guitarra, a contrabaixista Yudit Almeida e o batería Antón Iglesias.
A música estenderase pola madrugada coa jam sesion. Os encargados da apertura serán o Juansy Santomé Trio, formato liderado polo coñecido contrabaixista de Moaña, unha das voces máis presentes no Jazz galego e vinculado a innumerables proxectos musicais. Estará acompañado por outros dous destacados nomes, o batería Max Gómez, e o valenciano Joan Saldaña na batería. A banda ofrecerá unha selección dos seus standards favoritos e dará paso á jam session.
Formación no Auditorio
En paralelo, o Auditorio de Cangas acollerá dende este luns varias aulas de formación. Por un lado, comezarán os obradoiros de iniciación ao jazz para nenas e nenos e adultos, baixo a batuta do profesor e músico Francisco Blanco ‘Latino’.
Por outro lado, terá lugar a clase maxistral coa cantante Rita María e o pianista Filipe Raposo, dirixida a calquera tipo de instumentista ou vocalista. O martes 20 será a quenda de Joris Roelofs, que dirixirá unha sesión tamén aberta a calquera artista, na que o músico, referente mundial do jazz, ofrecerá unha clase maxistral.