Este será ademais un Rock in Patos inclusivo grazas ás cinco mochilas vibratorias adquiridas recentemente polo Concello de Nigrán para persoas xordas. Os interesados en empregalas deben solicitalas previamente a través do enderezo electrónico comunicacion@nigran.org. Co obxectivo de que poidan experimentalas o maior número de xente posible o tempo será dividido entre todos os interesados ata un máximo de 15 por concerto.
Paralelamente, o Centro de Información á Muller (CIM) instalará un punto violeta de prevención e información sobre as agresión sexuais coa campaña ‘Nunca sen un si’. O evento volverá novamente a unir ‘Rock&Food’ coa gastronomía que achegarán os camións de comida de Chac-Mool, Capitán Filloa e Mean Dogs.
“Viviremos un solpor espectacular cara a praia de Abra coa música de dúas das bandas máis representativas de Woodstock, mítico festival ao que quixemos render homenaxe este ano no que se cumpre medio século da súa celebración”, explica Juan González, alcalde de Nigrán, e quen aposta por darlle a mesma continuidade ao Rock in Patos que ao Nigranjazz, Solpor, Vive Nigrán ou ChandeFolk. “En Nigrán programamos festivais durante todo o verán para tódolos gustos e idades e en espazos espectaculares que poñen en valor o noso municipio”, resume.