Entre eles estará a banda A Gramola Gominola, con Paco Cerdeira, Paula Romero, Anxelo de Xermar e Rodrigo Muñoz, todos eles compoñentes de agrupacións coma Zenzar, De Vacas, Festicultores Troupe, entre outras. O grupo naceu no ano 2015 e dende entón deron centos de concertos poñendo ao público en pé cos cornos en man. Unha banda de Rock’n’Roll en galego para cativos que foi recoñecida co Premio Martin Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil.
Tamén actuará A Banda dos Insectos, proxecto deportivo e musical do Club de Baloncesto Caselas, enfocado a tódolos nenos e nenas amantes da canastra, no que a música rock e as letras baseadas neste marabilloso deporte mestúranse buscando que as xogadores se familiaricen coa linguaxe do basket mediante a música. O que comezou coma unha idea de evento para pechar a tempada, converteuse nunha experiencia musical que levou a este club deportivo a gravar as cancións nun estudio e a facer un videoclip musical do tema ‘Pasando a bola’.
Unha das novidades de este ano é a inmersión ao xénero do reggae a través de Elephants Yard e o seu ‘reggae miúdo’, un proxecto comunitario integrado principalmente por músicos e cantantes locais da contorna de Vigo, enfocado á composición, gravación e interpretación de ritmos reggae.
O mestre de cerimonias destas bandas será Antón Ke, ukeleleautor. Coñecido por amenizar festivais, terrazas e bares, có seu ukelele de batea. Ritmos furancheiros que beben do blues, o ska, a rumba, o reggae, ou a música tradicional. Todo acompañado do sabor dunhas letras cheas de retranca e contido, creando conciencia sobre temas como a natureza, ou a vida.
O domingo a partir das 16:00 horas actuará ao aire libre o Mago Marco, ilusionista con grande tradición familiar no mundo artístico que nos achegará un espectáculo no que fai partícipe ao público a través da maxia e o humor. Tamén ese mesmo día, contarase co que vai sendo unha tradición no Miúdo Fest: Cé Orquestra Pantama, o home orquestra e a súa ‘Brincadeira Miúdiña’, toda unha mostra de xoguetes tradicionais con obradoiros e xogos libres.
As entradas poranse á venda dende este mércores na oficina e cantina do Centro Social Cultural e Deportivo As Pedriñas.