O evento comezará o venres ás 20.00 horas coa apertura do Mercado Medieval que se desenvolverá nas prazas do Concello, San Telmo e Fromista. No cárcere vello celebrarase o venres, ás 21.30 horas, as ‘Ceas de Taberna’, nas que os comensais deben ir ataviados da época medieval para poder gozar o menú formado por receitas medievais e inspiradas en ‘Xogo de Tronos’: polo ao mel, cenorias salteadas con manteiga, pastel medieval de porco, pastel vexetal, carne á brasa, ensalada de Sansa, galletas de mel medievais, mazás asadas e froita, con viño, cervexa, e auga.
O prezo da cea, limitada a 40 comensais, é de 20 euros para adultos, 15 euros para rapaces e rapazas de 11 a 16 anos, e 10 euros para nenos e nenas de 6 a 10 anos. O menores de 5 anos cearán de balde. Existen descontos para grupos de máis de 5 adultos, e familias con máis dun neno. A entradas pódense mercar xa na web de Arraianos.
Ás 23.30 horas na praza de San Fernando celebrarase a ‘Noite da Donzela’ con espectáculos medievais a cargo de Circocido e Asacocirco.
Conquista do Miño en kaiak e xogo infantil
O sábado ás 19.00 horas celebrarase a carreira popular en kaiaks ‘A Conquista do Miño’. Na mesma os participantes partirán da praia da Mariña e terán que ir até a vella Ponte Internacional na busca dos lazos de cores que lles darán a vitoria. A inscrición está aberta na web asociacionarraianos.es. Ás 20.00 horas, tamén no Paseo Fluvial, celebrarase o xogo infantil ‘Mouchos, coruxas, sapos e bruxas’ dirixido a maiores de 10 anos.
O sábado ás 22.00 horas celebrarase o xogo de rol ‘Habelas Hainas’, unha das novidades da edición deste 2019. O número de prazas para participar no xogo está limitado a 30, que se cubrirán por orde de inscrición. Os interesados en participar deben enviar un correo electrónico a produccion@asociacionarraianos.es co asunto ‘Habelas Hainas’ e indicando o nome e apelido, idade e teléfono de contacto dos participantes. A participación é gratuíta.
Este xogo de rol ambiéntase no século XIV tras a desaparición do Malleus Maleficarum, coñecido coma o Martelo da Bruxas, e que fora empregado durante moito tempo polos inquisidores para a caza de bruxas.
Xa á medianoite Circocido e Hípica Celta serán os protagonistas dos espectáculos da ‘Noite das Curuxas’ na praza de San Fernando.
#AvisoTráfico
Debido a celebración dende este venres e até o domingo do Festival #Arraianos, haberá as seguintes restriccións no tráfico? pic.twitter.com/wPUhQDVCLW— Concello de Tui (@Concellotui) August 28, 2019
Visitas teatralizadas e conferencias
Están previstas tres visitas teatralizadas. A primeira delas, con temática de medo, será o sábado 31 de agosto ás 23.00 horas – en pase único – co título ‘Noite das Curuxas’. Na mesma percorreranse os recunchos medievais máis escuros da cidade. Xa o domingo, con dobre pase, o primeiro ás 18.00 horas e o segundo ás 19.30 realizarase a ‘Visita Teatralizada Arraianos’ centrada no mundo viquingo. A participación é limitada e é preciso inscribirse previamente en asociacionarraianos.es. Teñen un prezo de 8 euros por adultos, 4 euros para rapaces e rapazas de 11 a 18 anos. Para os menores de 10 anos é de balde.
O domingo a programación ábrese ás 12.00 horas no cárcere vello coa conferencia Arraianos a cargo do historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela.
O domingo 1 de setembro ás 21 .00 horas celebrarase no Paseo Fluvial a ‘Noite do escudeiro’ que presenta unha serie de espectáculos medievais con combates corpo a corpo, xustas medievais…
Proposta gastronómica medieval
Ademais, cinco locais de Tui ofrecerán durante o festival –de venres a domingo de 20.00 a 23.00 horas- un receitario medieval no que poderán degustar as tapas elaboradas para a ocasión ao prezo de 2 euros.
O menú estará composto por ‘Pasteis medievais de París’ en Puro Sabor (só o venres); ‘Krépa D’nos’ en Tapería Época; ‘Manxar de Meigas’ en El Pórtico, ‘Camiño de Santiago’ en Tapas e Viños, e ‘Carne ao caldeiro’ en O Novo Cabalo Furado.