Así, “ante as deficiencias detectadas nas últimas semanas” e denunciadas polo BNG, o Goberno local multou á empresa amparándose tamén nos “informes periódicos que a enxeñeira municipal realiza para controlar a correcta prestación do servizo”.
Ademais, a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Recollida de Residuos, Gonzalo Alonso, xa se reuniron con responsables da concesionaria para abordar este tema que os representantes municipais consideran “de máxima prioridade”.
A postura do Concello é a de esixirlle a Urbaser o arranxo desas deficiencias na recollida selectiva e a garantía de que non se volvan producir, baixo pena de ser obxecto de medidas máis drásticas como a rescisión do contrato se fose necesario.
Igualmente, dende a administración local reclamóuselle á compañía un informe no que se especifique en detalle todo o lixo recollido e reciclado en Mos no último ano, con rexistros de depósito en Sogama que certifiquen a súa veracidade.
Urbaser aportou xa un informe e comunicoulle ao Concello de Mos que as deficiencias na recollida selectiva que se viñeron producindo nos últimos días foron produto dunha ‘mala praxis’ por parte dos seus empregados e que, polo tanto, veñen de iniciar unha investigación para identificar ao persoal responsable e abrir o pertinente expediente.