A programación está composta por espectáculos de rúa, monicreques, teatro, comedia, danza, maxia e circo. Un total de 19 compañías e grupos que realizarán un total de 24 funcións. Comezará na rúa do Príncipe con Espera, da Compañía Eia que dará o pistoletazo de saída o venres 27 de setembro cun espectáculo de circo que chamará a atención de todos os vigueses e viguesas que pasen pola rúa ás 19.00 horas. Ao día seguinte, no mesmo horario, Antón Coucheiro protagonizará «Sonámbulo», un espectáculo a bordo dunha cama na que todo o público participará e escachará da risa a partes iguais.
Ao venres seguinte, comezará a programación no Auditorio do Concello, que todos os venres exhibirá espectáculos para adultos con compañías como Teatro Gorakada, ButacaZero, Arden Producciones ou Teatro do Atlántico.
Cabe destacar a estrea mundial de «Guerra de identidade» o espectáculo da actriz e escritora viguesa Deborah Vukusic, ou a presenza de actrices destacadas como Ángeles Martín co seu espectáculo «No hay papel» da compañía Desafora2. A compañía de danza de Fran Sieira presentará o seu espectáculo «Entresoños» que contará coa colaboración dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Danza.
Na vertente máis social, dous espectáculos con temáticas de máxima actualidade. Por un lado a eutanasia co espectáculo «Celebraré mi muerte» de Teatro del Barrio, que conta coa produción de Jordi Évole e Alberto San Juan. Por outro, o espectáculo «Invisibles» sobre a violencia contra a muller, da compañía Redrum Teatro, que foi o último gañador de tres Premios María Casares 2019.
Para os mais pequenos e as súas familias a oferta se completa con espectáculos de circo, maxia, teatro e monicreques con compañías como Xampatito Pato, o Mago Martín Camiña, Producións Dispersas, La Trócola, ou Pata Teatro.
Neste apartado destacamos o espectáculo Arte’n’rúa, da compañía Kandengue Arts, un espectáculo multidisciplinar ambientado nas artes de rúa e urbanas que combina hip hop, ragga, rock, teatro, maxia, música, danza e graffitis en directo. Como en todas as edicións de Vigocultura, os bebés serán os protagonistas do espectáculo «Bitels para bebés» de La Petita Malumaluga, que fará tres pases consecutivos o domingo 10 de novembro.
O prato forte do programa será a compañía Yllana, que estará unha fin de semana completa no Auditorio do Concello e que realizará tres pases do seu espectáculo «Gag Movie» o venres e o sábado coa súa versión máis gamberra para adultos, e o domingo cun pase máis familiar para todos os públicos.
Entre os 19 espectáculos seleccionados nesta programación suman máis de 26 premios e a gran maioría deles contan co selo «R» de espectáculo recomendado pola Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuitos e Festivais de Titularidade Pública.
Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de 8 euros, excepto Yllana que terá un prezo de 10 euros, e os dirixidos a público familiar de 5 euros.
As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir de mañá venres 6 de setembro (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902 044 226, en Discos Elepé, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles).
Os abonos para a programación deste semestre pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 10% e 25%, respectivamente.
Como novidade nesta edición, e co obxecto de fomentar a asistencia ao teatro da mocidade, o público entre 12 e 18 anos poderá beneficiarse dun 50% de desconto no prezo das entradas adquiríndoas anticipadamente a través de Internet co código de desconto OTEATROMOLA.