A procedencia das obras, chegadas dende lugares tan diversos coma Chile, Ucraína, Estados Unidos, Senegal, México, Arxentina, Alemaña ou Brasil, demostra que os xéneros clásicos máis ‘pulp’: a fantasía, a ciencia ficción, o terror, o gore e toda a serie B en xeral, seguen a ser un éxito por todo o mundo.
A organización do GFFF destaca non só o gran número de filmes achegados durante o período de selección, senón tamén o recentes que son a gran maioría deles, xa que máis dun 30 por cento son do 2019 e outro 20 por cento do 2018.
As datas escollidas para a nova edición do GFFF son os vindeiros 24, 25 e 26 de outubro e a Sala Videodrome repetirá coma sede e centro de operacións.
O aniversario de ‘Alien’
“No espazo ninguén pode escoitar os teus berros”. Deste xeito se promocionaba en 1979 ‘Alien, o oitavo pasaxeiro’, a mítica película de Ridley Scott protagonizada por Sigourney Weaver e un xenomorfo terrible de mala baba. Aproveitando a efeméride das catro décadas da súa estrea, o GFFF quere facerlle unha homenaxe moi especial no que haberá actividades relacionadas co filme, moita presenza no cartel do certame deseñado por Paulo Mosca e algunha que outra sorpresa que fará as delicias dos fanáticos alieníxenas.
Trala pasada edición, na que a Sala Videodrome ateigouse de público para gozar do éxtase freak, o GFFF busca consolidarse coma unha cita cultural divertida e diferente en Galicia.