A conselleira Ángeles Vázquez participou este venres na xornada de presentación da campaña EUBeachCleanUp, promovida pola Unión Europea, para fomentar a protección dos mares, océanos e costas a través innovación, voluntariado, concienciación e divulgación, entre as que se recolle esta iniciativa. Destacou que LitterDrone permitirá detectar con maior facilidade os puntos de acumulación de lixo na costa e a composición da mesma, o que facilita o deseño de actuacións de prevención e mitigación máis precisas e eficientes.
Recordou que desde o Parque Nacional xa se está a actuar neste sentido e, o pasado ano, impulsouse o proxecto da Rede para a recuperación dos ecosistemas mariños no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que recollía un amplo programa de actividades encamiñadas a paliar este problema nas illas de Sálvora, Cíes, Cortegada e Ons para sensibilizar sobre a problemática dos plásticos e tamén levar a cabo pequenas accións para eliminar o lixo mariño no entorno do parque nacional.
Esta iniciativa implicou a realización dun estudo previo que permitiu analizar e caracterizar os residuos mariños da contorna das Illas de Cortegada, Cíes, Sálvora e Ons a partir dos máis de 2.000 elementos clasificados como lixo nesta zona.
Explicou que unha das grandes ameazas dos mares son os plásticos, polo que é necesario unir e coordinar sinerxías a todos os niveis da sociedade para sensibilizar á poboación sobre o problema dos plásticos, xa que non é unha cuestión menor; pois -se non mudamos os nosos hábitos- nun futuro moi próximo haberá máis plástico que peixes no mar.
O Goberno galego consciente desta situación puxo o seu gran de area para frear o impacto deste material, afirmou a conselleira, quen engadiu que a Lei de residuos de Galicia prohibirá a venda de vaixela dun só uso na Comunidade galega, agás que estea composta dun 50% de material biodegradable.
Por último, salientou que seguindo a liña do referente á redución dos plásticos, a Xunta marcouse como meta reducir o consumo de bolsas de plástico lixeiro non biodegradable no horizonte 2025.