Desde o martes 1 de outubro ata o domingo 6, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) pon en marcha esta campaña de promoción de orientación ao consumo do produto pesqueiro e acuícola, “Produto pesqueiro: Rico, San, Seguro”, que se verá reforzada mediante anuncios de televisión, cuñas de radio, publicidade exterior e na internet.
A promoción ten como obxectivo reforzar a confianza do consumidor nos produtos da pesca e a acuicultura, destacando a súa inocuidade e os seus valores gastronómicos e para a saúde. A iniciativa tamén porá en valor a variedade e a diversidade de produtos que ofrece este sector en España.
Durante a Semana do Produto Pesqueiro en Vigo, o Ministerio de Pesca terá un posto na Feira Conxemar e tamén están previstas diferentes actividades onde participarán profesionais da restauración e a hostalería, medios de comunicación, blogueiros e resto de consumidores.
Así, haberá actos nas rúas de Vigo con obradoiros nas prazas da Princesa, Constitución e Fernández del Riego, así como no Centro Comercial Travesía de Vigo e no gastromercado Progreso 41 e nos mercados das Travesas e Progreso. Tamén se celebrará un taller de consumo responsable no cruce de Urzaiz con Colón, obradoiros de cociña con ‘foodtruck’ na peonil do Calvario e concursos para medios de comunicación e blogueiros.