Se o tempo é favorable, como parece, está garantido un percorrido moi agradable para apreciar o maior macizo montañoso a carón de Vigo. Poderase gozar das vistas da contorna e, evidentemente, da súa salientable riqueza biolóxica, non só en número de especies senón que tamén nos distintos tipos de hábitats, algún moi interesante como as pequenas turbeiras, matogueiras, bosques autóctonas, etc.
Nesta ocasión o inicio terá lugar dende o parque forestal de Zamáns e, unha vez alcanzada a cota, o camiño a realizar será de algo máis de 10 quilómetros pola mañá. O xantar realizarase no Aloia e, para aqueles participantes que o desexen, pola tarde farase un pequeno percorrido botánico dentro do parque natural.
Tras a preinscrición haberá que achegar 7 euros (3,5 euros os menores de 12 anos) a través da sede electrónica do Concello de Vigo ou na Concellería de Medio Ambiente (segundo andar do edificio consistorial). Os participantes na andaina están convocados na Praza do Rei ás 9:00 horas para saír as 9:30 horas. O regreso estimado terá lugar ás 19:30 horas.