O hipermercado construíuse no ano 2002 logo de que o Goberno presidido por Nava Castro, actual directora xeral de Turismo, lle outorgara licenza un mes antes da decisión da Xunta de Galicia de suspender as normas urbanísticas. A licenza foi recorrida pola administración autonómica e os tribunais declarárona nula por sentenza no ano 2008.
O feito de que a obra se iniciase con licenza abre a posibilidade de que o Concello teña que responder economicamente dos prexuízos que a demolición implicará para os propietarios, xerando o risco para a administración local de indemnizacións de elevada contía.
O Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado recentemente polo Pleno e pendente de aprobación definitiva posibilita a legalización da obra. O Goberno local lembra que existen en Ponteareas, en zonas como o polígono da Lomba, outras instalacións industriais e comerciais sobre as que pesan tamén ordes administrativas e xudiciais de demolición que só se poderán evitar a través da aprobación do PXOM.
O alcalde, Xosé Represas, amosou a súa “preocupación” ante a decisión do TSXG e reclamou á Xunta de Galicia “celeridade na aprobación definitiva do PXOM para dar canto antes seguridade xurídica ás actividades industriais e comerciais”. “Só co novo PXOM poderemos evitar os graves prexuízos económicos que para a facenda municipal provocarían as demolicións derivadas dos acordos ilegais que tomaron outros gobernos no seu momento”, apunta o rexedor.