Esta baixada foi posible, segundo explicaron os representantes municipais, “grazas a unha xestión responsable e eficiente da Facenda municipal baseada na amortización inmediata, en non recorrer a ningunha operación de préstamo bancario, en optar por recorrer a fondos propios para a acometida de proxectos e obras e, sobre todo, en facer unha moi boa xestión de solicitude de subvencións a outras administracións para aliviar a carga de gastos municipais e evitar ter que solicitar créditos bancarios”.
Durante o presente ano 2019 o importe das subvencións solicitadas e concedidas ao Concello de Mos aproxímase aos 3 millóns de euros. Ascende exactamente a 2.749.604,47 euros que serven para financiar maiores gastos dos inicialmente presupostados. O 59,59% desas subvencións financia gastos de inversión.
Ademais, Nidia Arévalo e Alberto Méndez informaron de que o equipo de goberno xa está traballando na elaboración do orzamento municipal para o vindeiro ano 2020 con esta mesma tendencia, baseada en tres liñas fundamentais: xestión para a obtención de subvencións das administracións supramunicipais, austeridade dende o punto de vista do gasto e consolidación da tendencia de redución da débeda bancaria, sen contemplar nin incluír a solicitude de ningún préstamo.
Por último, a rexedora local e o edil de Facenda anunciaron a boa nova de que, xunto coa débeda bancaria, redúcese tamén por conseguinte a débeda per cápita por habitante que pasa de 444 euros a finais do ano 2018, a 355,77 euros ao remate do presente 2019 (88,23 euros menos por persoa).