O pasado ano na área viguesa rexistráronse 371 ingresos hospitalarios como consecuencia dun proceso gripal e 26 decesos relacionados coa gripe. A vacina non so evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.
“A mellora arma contra a gripe e é a prevención, e a ferramenta máis eficaz na loita contra a enfermidade, é a vacinación, por isto é necesario aumentar os índices de participación na campaña de vacinación na área viguesa, xa que aínda que vaise rexistrando un incremento paulatino de cobertura na poboación diana, pasando do 50% hai catro anos ao 54,64 % acadado na última campaña, segue sendo unha porcentaxe baixa”, dixo o xerente da EOXI de Vigo, Julio Garcia Comesaña, durante a presentación do Plan de Continxencia para a Gripe 2019/20 da área sanitaria.
O xerente subliñou o incremento porcentual de 13 puntos da cobertura nos profesionais sanitarios, acadando un 49%; así como as 1.577 xestantes vacinadas, 700 máis que o ano anterior.
Este ano prodúcense novidades respecto da vacinación, tanto relativas á poboación de risco, que se amplía a prematuros e persoas con calquera trastorno da coagulación, como á vacina utilizada: vacinas tetravalentes e adxuvada.
“En primeiro lugar é necesario concienciar a cidadanía da importancia de atender aos pacientes no nivel máis axeitado a súa situación clínica, e que utilicen, en primeiro lugar, os recursos de atención primaria, para blindar así as Urxencias do hospital para a atención aos casos de maior gravidade. Hai que recordar que a derivación ao servizo de Urxencias hospitalarias debe realizarse desde a atención primaria ou desde o 061.”-explicou García Comesaña
Nos centros de saúde e PACs está implantado o procedemento de xestión da demanda non programada e a atención urxente (TRIAP). Desta forma, establecese un sistema de priorización na atención destes pacientes.
Os profesionais das áreas administrativas recomendarán aos pacientes que acudan con sintomatoloxía respiratoria poñerse as mascarillas, para minimizar a transmisión por gotas da enfermidade ao tempo que facilitarán ao paciente un formulario, para á súa cumprimentación e posterior valoración polo persoal de enfermaría, co fin de poder dirixilo á sala de atención de gripe ou á consulta do profesional sanitario correspondente.
Un equipo de profesionais máis en Urxencias
No caso dunha situación epidémica que requirira a atención hospitalaria dunha porcentaxe de pacientes moi superior da media habitual, a EOXI de Vigo identifica dous puntos críticos nesta asistencia: a presión asistencial do servizo de Urxencias debido a unha maior frecuentación dos pacientes en demanda de atención; e o nivel de rotación e dispoñibilidade das camas hospitalarias.
Como norma xeral, a todo paciente que acuda a urxencias con síntomas respiratorios facilitárselle mascarilla facial para prever a transmisión en proximidade.
As Urxencias de adultos dispoñen dunha estrutura de gran capacidade para asumir un elevado volume de pacientes xa que contan, entre os recursos físicos máis relacionados coa patoloxía gripal, con dous postos de triaxe -ampliables a tres-; catro postos de paciente críticos; 90 postos en boxes e 2 de illamento; 30 camas de observación; 10 postos en sala de preingreso, e 8 consultas.
O Plan establece dous niveis de alerta. Alerta Amarela, cando o número de pacientes pendentes de ingresos en Urxencias é superior a 15 ou a ocupación na área médico cirúrxica superior ao 95%; e Alerta Laranxa, cando hai máis de 25 pacientes pendentes de ingreso ou a ocupación é do 100%.
Ampliación de camas e reforzo de persoal
En relación coa hospitalización, o Plan prevé que para os ingresos ocasionados pola patoloxía gripal ou asociada utilizaranse camas de hospitalización da área médica, en primeiro lugar, e da área cirúrxica, en segundo, que son as que teñen a capacidade física e asistencial de absorber o incremento da demanda do pico epidemiolóxico invernal.
En caso de necesidade, a flexibilidade do complexo permite un incremento moi significativo do número de camas, dada a posibilidade de duplicar cunha segunda cama as habitacións individuais do Álvaro Cunqueiro, ademais das 60 camas a maiores dispoñibles e preparadas para activar en caso de que sexa necesario no Meixoeiro. En total, a capacidade de hospitalización do CHUVI é de case 1100 camas.