A ruta ten un percorrido circular de case 36 quilómetros e partirá ás 10:30 horas da antiga fábrica de conservas de Massó. Dende alí comezan os primeiros quilómetros que discorren por sendeiros a pé de mar que levan ás praias de Liméns e Nerga. A continuación, as e os participantes irán ata Cabo Home ou a praia de Melide, dende onde poderán desfrutar dunhas vistas da ría de Vigo e das illas Cíes. A ruta de Cangas discorre por un entorno natural privilexiado, a chamada Costa da Vela.
Esta é a última das DepoRuta BTT da Deputación. Deste xeito, a institución provincial organizou este ano un total de cinco actividades deste tipo, que saíron dende Meis, Silleda, Nigrán, Salceda de Caselas e, nesta ocasión, Cangas. Esta iniciativa está estreitamente vinculada co turismo medioambiental, coa sustentabilidade e coa posta en valor do territorio, tanto da costa como do interior da provincia.