Deste xeito, suspendeuse a andaina programada e trasladouse o xantar popular ao Pavillón do Colexio Estudio de Chandebrito, onde ás 12:30 horas terá lugar un acto de recoñecemento ás entidades colaboradoras na repoboación do monte comunal e no que tamén participará Alda Correia Carvalho, a presidenta da Cámara Municipal de Castiñeira de Pera, en sinal de irmandade e solidariedade entre ambas localidades. Neste municipio portugués faleceron en xuño de 2017 un total de 47 persoas calcinadas nos seus vehículos mentres trataban de fuxir pola estrada N236 que comunica con Figueiró dos Vinhos.
Está previsto que o xantar se inicie ás 14:00 horas e inclúe mexilonada ao auténtico estilo castrexo ou chourizos e castañas. Paralelamente, actuará un grupo folclórico luso e o grupo de acordeóns ‘Brisas de Bouzas’. Pola tarde, se a meteoroloxía o permite, realizarase unha visita aos lugares senlleiros da parroquia.
Mantense a presencia dos escultores do colectivo ‘Arte no Queimado’ Remigio Davila, Rosendo González e Juan Coruxo, que estarán a traballar nunha nova peza en madeira que, unha vez rematada, será trasladada ao ‘Bosque da Memoria’ ao carón do castro.
As parroquias de Chandebrito e Camos viviron o 15 de outubro un dos momentos máis tráxicos da súa historia ao sufrir uns gravísimos incendios que supuxeron a vida de dúas mulleres nunha evacuación fallida, Angelina Otero e Maximina Iglesias, e máis de 600 hectáreas arrasadas; mentres que o incendio do 17 de xuño de 2017 en Portugal está considerado como peor da súa historia recente ao causar 66 mortos, máis de 250 feridos e 46.000 hectáreas calcinadas entre Pedrógão Grande, Castanheira de Pera, Figueiró dos Vinhos, Alvaiázere e Ansião, na rexión central do país.