Este ano, baixo o lema «A Gripe vai chegar… Vacínate», a Consellería de Sanidade adquiriu 615.000 doses de vacinas antigripais -7.000 máis que en 2018- e destinou un orzamento de 3.466.632 € -1.283.412 € máis que no ano 2018- o que supón un incremento de preto do 59%. Así mesmo, Galicia será a primeira autonomía en administrar na campaña unha vacina tetracelular a persoas de 15 a 64 anos con factores de risco. Deste xeito, Sanidade cumpre un dos obxectivos marcados no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, aprobado o pasado mes de maio.
Tres tipos de vacina
Unha das novidades desta campaña 2019 é ó uso de tres tipos de vacinas: a vacina tetravalente de cultivo en ovo, que pode ser utilizada na poboación infantil con patoloxía de base, de 6 meses ata os 14 anos de idade; a vacina tetravalente de cultivo celular, que se empregará por primeira vez para as persoas con factores de risco de 15 a 64 anos, e tamén está indicada para embarazadas; e a vacina trivalente adxuvada, para todas as persoas de 65 anos ou máis ingresados en residencias ou non e que se corresponde co grupo de persoas con maior risco de complicacións. Esta ampliación de idade nesta última vacina significa un incremento do 72% de doses con respecto ao ano pasado. Todos os centros na provincia de Pontevedra disporán destes tres tipos de vacinas.
Do total de 615.000 doses de vacinas antigripais adquiridas, 20.000 corresponden a tetravalente de cultivo en ovo, 165.000 á tetravalente de cultivo celular e 430.000 doses son de vacina trivalente adxuvada -180.000 doses mais que o ano pasado-.
Poboación diana e obxectivos específicos
A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 anos ou máis, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas, nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico. A novidade deste ano foi a inclusión de nenos de 6 meses que naceran prematuros -con menos de 32 semanas de xestación- e a incorporación explícita das persoas con trastornos da coagulación. Tamén para aquelas persoas dentre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñan a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.
Sanidade mantén a indicación prioritaria da vacinación no persoal sanitario do Sergas, por segundo ano consecutivo e tras a boa aceptación que tivo esta iniciativa en 2018, polo que lles ofreceu a posibilidade de vacinarse, de forma exclusiva, unha semana antes do comezo da campaña xeral.
Os obxectivos específicos son acadar unha cobertura na poboación de 60 a 64 igual ou superior ao 35%; conseguir unha cobertura na poboación de 65 anos ou máis anos igual ou superior ao 65%, acadar unha cobertura igual ou superior ao 50% -10 puntos máis que en 2018- nos traballadores sanitarios do Sergas e igual ou superior ao 55% -15 puntos máis que na pasada campaña- nas mulleres embarazadas.
Web temática
Coma noutros anos, Sanidade terá activa a web temática gripe.sergas.es coma portal de información para a poboación en xeral e para os profesionais, na que se actualizará toda a información técnica e os datos de evolución da campaña.
Así mesmo, os usuarios da aplicación informática Vacgal recibirán os avisos do inicio da campaña. E os médicos e persoal de enfermería contarán con informes mensuais sobre a cobertura de vacinación antigripal por cupo, que lles permitirá dispoñer de información personalizada.
A partir da cuarta semana da campaña na provincia de Pontevedra tamén se desenvolverá o programa de promoción da vacinación antigripal mediante chamada activa ou SMS. Os profesionais de enfermería chamarán á poboación provincial dentre 65 e 74 anos que aínda non teña posta a vacina ou tamén se avisará por SMS ás persoas maiores de 65 anos das que o Seragas teña o seu telefono rexistrado. Tamén se establecerán axendas de citación especial para vacinar e realizaránse vacinacións a enfermos crónicos nas visitas a domicilio.