A mostra recolle unha serie de imaxes en gran formato sobre distintos proxectos de recuperación urbana en España e América Latina. Entre os seleccionados atópanse dous proxectos documentados por Santos-Díez en Galicia, en concreto os acometidos na Praza do Curro en Noia e a citada rehabilitación no Casco Vello de Vigo, realizada sobre un edificio adquirido no seu día polo Consorcio do Casco Vello na Rúa Real, que posteriormente foi vendido aos responsables da súa rehabilitación.
Cada un dos proxectos recóllese en dúas fotografías de gran formato e noutras catro proxectadas nunha instalación audiovisual que forma parte da exposición. A obra agora destacada foi proxectada polo estudo de Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera e recibiu distintos galardóns pola calidade do seu deseño, tanto a escala autonómica como estatal.