A representación do cadro de persoal da empresa de transporte despregou unha faixa na porta das instalacións da Estrada de Camposancos para denunciar que “os compromisos seguen sen cumprirse un ano despois e que moitas outras demandas dos empregados tampouco son atendidas”.
Entre as principais salientan os horarios de traballo e os descansos durante a xornada, xa que segundo sinalan “os horarios de percorrido están totalmente obsoletos e os descansos na xornada son practicamente inexistentes”. Diante disto, segundo os representantes sindicais, a empresa aporta como solución realizar un “breve” relevo do condutor para que poida descansar, pero os traballadores demandan que os descansos sexan máis frecuentes.
Tamén solicitan, tendo en conta a recente entrada en vigor da lei de rexistro horario, que se lles abone o tempo real de traballo e que sexa a empresa a encargada de contabilizalo. O Comité asegura que Vitrasa lles pediu agardar a xaneiro para comezar a realizalo. Outra demanda é un servizo de autobús para o persoal con horarios e percorridos razonables.
En canto ás novas contratacións, indican que o persoal que non sexa indefinido quedará fóra da empresa coa nova concesión do servizo, polo que reclaman que se faga unha serie de contratacións fixas respectando a orde de antigüidade, “pero a contraoferta da empresa é un número menor das contratacións solicitadas e primando o seu criterio ao da antigüidade”.
Outras problemáticas para as que esixen solución son falta de baños, plan de igualdade, uniformes de traballo, recadación e funcionamento interno (días de asuntos propios, calendario anual real, permisos, absentismo, etc.). “A todos estes problemas a empresa pretende aplicarlles parches e demoralos no tempo, por iso nos vemos na obriga de iniciar mobilizacións”, rematan.