Para pór en escena esta obra, a compañía partiu dunha historia moi local, un relato transmitido case durante cen anos. Logo dunha laboriosa documentación e entrevistas a investigadores, así como testemuñas da veciñanza, procedeuse á gravación de vídeos e sons. Logo, durante o traballo cos actores, a compañía probou toda as voces co seu elenco.
A curva España existe. Está na antiga carreteira de a Gudiña a Verín, en Ourense. Hai décadas que por alí non pasan coches. Pero a xente segue chamándoa así en lembranza de José Fernández España, o enxeñeiro que morreu en 1927 neste mesmo lugar ao caer do seu coche por un barranco, xusto cando realizaba o deseño do trazado da variante sur da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense.
Despois da súa morte, a opción sur por Verín, Xinzo e Allariz desapareceu e as obras desenvolvéronse durante os seguintes trinta anos polo Macizo Central ourensá, cun enorme custo tanto económico como de vidas humanas. Esta é a sinopse da última montaxe de Chévere que chega a Vigo logo de estrearse o 25 de xullo na Mostra de Teatro de Ribadavia. O elenco actoral está composto por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Lucía Estévez e Leticia T. Blanco.
A obra representarase no teatro da Cidade Universitaria, no campus de Lagoas Marcosende. A entrada é de balde ata completar aforamento.